Jéssica Bouzas cae en cuartos de final de Guangzhou

O Salnés
25 de outubro 2024

A participación de Jéssica Bouzas no WTA de Guangzhou chegou ao seu fin nos cuartos de final tras caer en tres set contra a estadounidense Caroline Dolehide

Jéssica Bouzas, no partido do US Open contra Pegula
Jéssica Bouzas, no partido do US Open contra Pegula

A participación de Jéssica Bouzas no WTA de Guangzhou chegou ao seu fin nos cuartos de final tras caer en tres set contra a estadounidense Caroline Dolehide.

No primeiro deles, as dúas tenistas ofreceron unxogo moi igualado cun intercambio de saques que se resolveu tras o 4-4, cando Dolehide fixo o 'break' definitivo para facerse coa primeira manga por 4-6.

No segundo, en cambio, as cousas non empezaron demasiado ben para a de Vilagarcía, que cedeu o seu servizo no segundo xogo e permitiu a Dolehide colocarse cun 0-3 inicial que non presaxiaba nada bo.

Con todo e a pesar do golpe inicial, Bouzas demostrou a súa capacidade de reacción e logrou non só igualar, senón levar a segunda manga por un 6-4 que demostraba a súa gran fortaleza mental.

Todo estaba por decidir no último e definitivo set, onde a estadounidense impuxo a súa lei. Jéssica veu abaixo e non tivo ningunha opción ante o xogo imparable e agresivo de Dolehide, que terminou levándose o set por un contundente 0-6.

Independentemente da derrota, Jéssica Bouzas afiánzase no posto 55 da clasificación mundial, a súa mellor posición ata a data.