Jéssica Bouzas álzase co galardón a mellor deportista do ano en Vilagarcía

O Salnés
29 de marzo 2025
Actualizado: 12:43

A tenista foi recoñecida pola súa destacada tempada deportiva, na que participou no catro Grand Slam e na Billie Jean King Cup

XXXII edición da Gala do Deporte en Vilagarcía
XXXII edición da Gala do Deporte en Vilagarcía / Concello de Vilagarcía

A tenista Jéssica Bouzas alzouse co galardón a mellor deportista local da tempada 2023-2024 en Vilagarcía.

O premio foi outorgado na XXXII Gala do Deporte, celebrada no Salón García do municipio.

Bouzas foi recoñecida pola súa destacada tempada deportiva, na que participou no catro Grand Slam e na Billie Jean King Cup.

A moza deportista arousá impúxose aos outros catro candidatos: o futbolista Óscar Marcos, o profesional do salvamento Yago Vicente, a xadrecista Paula Suárez e o futbolista José Fontán.

Debido á súa participación no WTA 125 de Antalya (Turquía), o seu pai foi quen recolleu o premio no seu nome.

"Foi unha elección moi complicada, pero Jéssica fixo unha tempada espectacular e ter unha vilagarciá no TOP 58 do ranking mundial é un motivo de orgullo para nós", sinalou o concelleiro de Deportes, Carlos Coira.

Ademais do premio á mellor deportista local, entregáronse as seguintes mencións especiais:

  • Técnica Deportiva: Verónica Cores (Agrupación Atlética Mazí)

  • Traxectoria: Carolina Baños Ameneiro (Atlético Arousá) e Jordi Aragonés Posse (Selección Española de Baloncesto)

  • Colaborador/Directivo: Javier Guerrero Salgado (Basket Base Club e ACD Encestarías)

  • Título Póstumo: Antolín Diéguez (AD Cortegada)

  • Empresa: Giraldo

  • Divulgación / Medios de Comunicación: Gonzalo Salgado, fotógrafo do Diario de Arousa

  • Deporte Inclusivo: Federación Galega de Deporte Adaptado

  • Evento Deportivo: Federación Galega de Vela polo Campionato do Mundo Júnior das clases 49er, 49er FX e Nacra 17

  • Club: Salvamento Vilagarcía (19 medallas no Campionato de España e máis de 120 en campionatos galegos)

Un dos momentos máis emotivos da noite foi a mención póstuma a Antolín Diéguez, "por toda a labor e a pegada indeleble que deixou no AD Cortegada". Tamén se destacou o galardón a Javi Guerreiro, "que leva anos traballando nun segundo plano polo baloncesto de Vilagarcía e que sen dúbida merecía este recoñecemento", sinalou Coira.

A Gala do Deporte é un evento anual que ten como obxectivo difundir e pór en valor as diferentes disciplinas deportivas que se practican no municipio, tanto a través das actividades organizadas polo concello como polos distintos clubs, co fin de incentivar a súa práctica entre persoas de todas as idades, tanto a nivel competitivo como lúdico.