Javier Gómez Noya, ao recoller o Premio Nacional do Deporte: "Es algo muy importante para el triatlón"

Pontevedra
04 de decembro 2014

Gómez Noya, afincado na cidade de Pontevedra dende hai anos, recolleu de mans do Rei o Premio Don Felipe Borbón, co que se lle recoñece o seu gran labor durante un ano no que prolongou o seu currículo de vitorias nos Campionatos do Mundo, tras a prata nos Xogos Olímpicos de Londres 2012

Javier Gómez Noya recibindo de mans do Rei o Premio Nacional do Deporte
Javier Gómez Noya recibindo de mans do Rei o Premio Nacional do Deporte

O triatleta Javier Gómez Noya recibiu este mércores o galardón que o acredita como o mellor deportista español de 2013. Foi no transcurso da cerimonia de entrega dos Premios Nacionais do Deporte, celebrada no Palacio del Pardo e que estivo presidida polos Reis de España, don Felipe e dona Letizia.

Gómez Noya, afincado na cidade de Pontevedra dende hai anos, recolleu de mans do Rei o Premio Don Felipe Borbón, co que se lle recoñece o seu gran labor durante un ano no que prolongou o seu currículo de vitorias nos Campionatos do Mundo, tras a prata nos Xogos Olímpicos de Londres 2012.

Aos títulos europeos de 2007, 2009 e 2012 e os mundiais conseguidos en 2008 e 2010, o triatleta sumou outro mundial en 2013, títulos que lle serviron para relevar no palmarés ao taekwondista Joel González, vixente campión olímpico.

Antes de recoller o premio, afirmou que este recoñecemento é "algo muy importante" para o seu deporte. O ferrolano asegurou que "el premio es un orgullo y una recompensa al trabajo y la temporada 2013 que fue muy buena para mí". Ademais espera que gañalo representando un dos chamados deportes minoritarios "ojalá repercuta para que siga creciendo como lo está haciendo hasta ahora".

Durante a entrega do premio, Gómez Noya estivo arroupado entre outros por Marisol Casado, presidenta da Unión Internacional de Triatlón (ITU) e membro do Comité Olímpico Internacional (COI); José Hidalgo, presidente da Federación Española de Triatlón (FETRI) e polos triatletas Miriam Casillas, Tamara Gómez e David Castro.

Tamén foron galardoados cos Premios Nacionais do Deporte, entre outros, o adestrador do Atlético de Madrid, Diego Simeone, a selección feminina de baloncesto, a capitá do equipo nacional de natación sincronizada, Ona Carbonell, o atleta paralímpico David Casinos e o exciclista Federico Martín Bahamontes.

A grande ausente foi Mireia Belmonte, gañadora do premio Reina Sofía á mellor deportista do ano, que se encontra en Doha onde participa nos Mundiais de piscina curta e este martes na súa estrea gañou dous oros, en 200 bolboreta e 400 estilos, con senllos récord do mundo. O seu galardón recolleuno o seu pai, José Belmonte.