Javier Aguirre eloxia o Pontevedra antes da visita do Mallorca en Copa: "Se o campo o permite esperemos ver un partido bonito"

Pontevedra
03 de xaneiro 2023

O técnico do equipo balear mostrouse preocupado na previa do duelo de Copa do Rei en Pasarón polo estado do terreo de xogo tras as últimas choivas, pero asegura que "queremos gañar o partido, imos coa maior seriedade posible, respectando ao rival e á Copa"

Javier Aguirre, adestrador do RCD Mallorca
Javier Aguirre, adestrador do RCD Mallorca / RCD Mallorca

O adestrador do Real Club Deportivo Mallorca, Javier Aguirre, analizou o partido que medirá este mércores (19.00 horas) en Pasarón o seu equipo co Pontevedra Club de Fútbol, na previa da eliminatoria de Copa do Rei.

O técnico do conxunto balear de Primeira División eloxiou o cadro granate, do que asegura "xogan ao fútbol, non son deses equipos que están a tentar dar patadas, que van ao choque, obstaculízante ou se encerran atrás. Son tipo Real Unión, que nos fixo bo partido. Espero un rival moi parecido", analizou este martes na súa comparecencia ante os medios de comunicación.

Aguirre cualificou o Municipal de Pasaróin como un "bonito estadio", pero mostrouse preocupado por como pode estar o terreo de xogo tras as choivas das últimas semanas, sinalando por todo iso que "se o campo o permite esperemos ver un partido bonito".

O mexicano en todo caso garantiu que "queremos gañar o partido, imos coa maior seriedade posible, respectando o rival e á Copa", porque o choque para o Mallorca "é unha final porque vimos dun partido moi malo".

Para a viaxe a Pontevedra o técnico confirmou as baixas de Baba e Martin Valjent, formando a convocatoria o resto do primeiro persoal, que viaxa ata terras galegas polo que será necesario por tanto realizar algún descarte antes do partido.