Truncouse a boa xeira. Despois das noticias positivas das renovacións de Pablo González, Sergio Lloves, Iago Paz, Santi Domínguez, Fran Fandiño, Adrián Gómez e Richi, chega o primeiro revés para o Pontevedra nas negociacións que vén mantendo cos xogadores do equipo desta tempada. O club granate perderá, de non mediar un milagre ou un xiro radical e impensable agora mesmo, a que moitos consideran como unha das perlas da canteira, Javi Pazos, cuxo representante comunicou a Milo Abelleira que non aceptaban as condicións ofertadas para a renovación do dianteiro.
Aínda que dende o club non se fixo público ningún comunicado ao respecto, PontevedraViva puido coñecer que, tras a reunión mantida o luns entre Milo Abelleira e o representante do xogador, non só non se chegou a ningún tipo de acordo, senón que Milo recibiu o rexeitamento firme á oferta que transmitiu.
Practicamente nin existiu negociación. Milo trasladou a oferta, que incluía unha mellora económica practicamente simbólica ao que o xogador viña percibindo ata a data, e que non era precisamente unha das máis altas, pero máis que unha cuestión monetaria, o que motivou o rexeitamento por parte do xogador foi que a devandita oferta en realidade a interpretaban como que o Pontevedra non demostraba un verdadeiro interese en mantelo baixo a súa disciplina.
Malia que de momento Javi Pazos non ten aínda nada negociado con outros clubs, o seu representante traballa en buscarlle acomodo. Candidatos non lle van faltar, dada a súa calidade e facilidade goleadora. En perspectiva aparecen xa, como posibles destinos, algún equipo filial no que completar a súa formación futbolística, non descartando dar o salto de categoría para buscar acomodo en Segunda B.
Sen dúbida unha mala noticia para a afección granate, que, a pesar de non gozar con moita continuidade no primeiro equipo, tiña en Javi Pazos un dos seus xogadores máis queridos.