Javi Gracia: "Faime ilusión volver a Pontevedra. Quero estar preto de Charles neste momento"

Pontevedra
31 de maio 2023

O que fose adestrador dos granates nas tempadas 06/07 e 07/08 regresa este mércores de visita á Boa Vila, cidade á que garda un agarimo especial, para participar na despedida de Charles, o xogador co que máis coincidiu ao longo da súa carreira. "Faime moita ilusión e quero estar preto de Charles neste momento", asegura

Javi Gracia, nun partido esta tempada co Leeds United
Javi Gracia, nun partido esta tempada co Leeds United

Foi adestrador do Pontevedra Club de Fútbol só tempada e media, nos cursos 2006/2007 e 2007/2008, pero Javi Gracia garda un agarimo especial pola Boa Vila, onde viviu a súa primeira experiencia nos bancos profesionais. Despois chegaríanlle grandes retos en equipos nacionais como o Cádiz (ascenso a Segunda), Almería (ascenso a Primeira División), Málaga, Osasuna e Valencia, e tamén internacionais como o Rubin Kazan ruso ou o Watford e máis recentemente o histórico Leeds United na Premier League inglesa.

En ata tres deses destinos (Pontevedra, Almería e Málaga), Gracia coincidiu con Charles Dias, por iso non quería perder a súa despedida do fútbol en activo co partido homenaxe prevista este mércores (19.30 horas) no Estadio Municipal de Pasarón, a pesar de que iso supón realizar unha viaxe exprés desde Málaga, onde o navarro ten actualmente fixada a súa residencia familiar.

- Non quixeches perder esta homenaxe

Charles é creo o xogador co que máis tempo estiven e en máis equipos, e foron todas experiencias profesionais e persoais moi boas en diferentes sitios. Tendo a oportunidade de estar desde logo faime moita ilusión e quero estar preto de Charles neste momento. Ademais faime ilusión volver a Pontevedra, aínda que fixen unha visita hai un par de anos, que estiven con Pablo Vázquez, vendo a cidade e despois o que se fai en Pontevedra, ver boa xente, comer moi ben e gozar de moitas cousas.

- Charles fala de ti como o adestrador que máis e mellor entendeulle na súa carreira. De feito foi contigo co que explotou definitivamente como dianteiro centro.

Eu creo que aí non me teño que atribuír ningún mérito, sendo sincero, porque el o que sentía era máis dianteiro que xogador de banda. Nós tiñamos uns xogadores, e naquel momento estaba Igor que creo que nos daba moitas cousas nesa posición de 9, e estaba Yuri tamén que nos daba outras moi boas cousas en ataque e capacidade realizadora. Tiñamos que encaixar a todos os bos xogadores que tiñamos e era a maneira de distribuír os tres nese caso e ter un equilibrio. Charles xogou máis pola dereita entón pero eu xa sabía que el tiña esa vocación de delatero, eses movementos e esa capacidade de dianteiro centro, pero nese momento había que buscar as mellores opcións para o equipo.

- Pero contigo en Almería asina o seu mellor ano, con 32 goles. Pichichi en Segunda e ascenso a Primeira. 

Alí tiñamos a Leo Ulloa que viña de ser o máximo goleador do equipo, levamos a Charles e ao final no mes de xaneiro Ulloa saíu traspasado porque confiabamos que Charles ía ser o noso goleador, e así foi. Non tiven nunca dubida que a súa capacidade era nese Almería para conseguir un ascenso e para xogar en Primeira no Málaga e marcar os goles que marcou e o que logo demostrou. Sempre foi un gran xogador, un gran goleador e tamén achegaba moito no aspecto defensivo.

- Charles cita os play-off perdidos co Pontevedra como algúns dos seus peores momentos como futbolista. No teu caso como adestrador granate vivíronse dous, foi moi duro para ti?

Un pregúntase que nos faltou para poder conseguir un ascenso que creo que por moitas razóns merecíase

Eu tiven unha experiencia neste aspecto moi dura que foi o descenso co equipo da miña cidade, con Osasuna, que me incorporei coa tempada empezada pero vivilo na túa casa é tremendo, logo á parte desa están as dúas non consecucións de ascenso en Pontevedra. Desde logo un pregúntase que nos faltou nesas ocasións para poder conseguir un ascenso que creo que por moitas razóns merecíase, polo club, pola afección, polos xogadores que había, polo traballo de todos, creo que nos faltou un pouco de fortuna nese partido co Córdoba, eliminatorias que tiñamos ben encamiñadas.

- Na túa carreira pasaches por grandes equipos, as mellores ligas... Segues mirando o que fai cada fin de semana o Pontevedra?

Si, sempre sigo os resultados, xa non non vexo moitos partidos porque ao final a miña ocupación é ver outros partidos doutras ligas, e xogadores e non teño moito tempo a verdade, pero os resultados e a súa situación seguímola, porque tamén sigo con Juan Solla que é de aí de Redondela, está comigo desde a etapa do Pontevedra e témoslle moito agarimo.

- É que Juan Solla acompañouche como preparador físico desde eses anos en Pontevedra, non é así?

Si, Juan sempre estivo ao meu lado, en todos os equipos que estivemos. Sempre hai modificacións do corpo técnico, incorporacións, saídas, pero Juan sempre estivo comigo.

- E seguindo a traxectoria do Pontevedra, Como ves o descenso a Segunda RFEF do equipo?

" Confío en que este paso atrás sexa para coller o impulso que o club ou o equipo necesita para que nos próximos anos volva ir mellorando"

Son determinados momentos dos equipos, como está a pasar o Málaga caendo á Primeira RFEF tamén. É algo que un sente moito pero son momentos, e o que un confía en que este paso atrás sexa para coller o impulso que o club ou o equipo necesita para que nos próximos anos volva ir mellorando e conseguir estar nunha categoría na que a afección poida gozar.

- Na túa visita volverás atopar con moita xente. Xogadores, empregados...

Pois non se quen vai, pero cos que me atope vai ser un pracer volver velos, é un dos motivos polos que me fago moitos quilómetros para ir, para estar en Pontevedra e ver a moita boa xente. Ver ao maior número de xogadores que tiven que me fará moita ilusión.

- Agora estás sen equipo tras deixar o Leeds a principios de mes. Con ganas de volver adestrar pronto?

Pois se che son sincero agora mesmo non moitas. As miñas últimas experiencias foron de desprazarme, o meu último paso por Inglaterra fun só, sen a familia, e agora mesmo apetéceme moito máis estar coa familia, creo que hai prioridades e os meus fillos nestes momentos necesítanme e é un momento de estar máis aquí. Máis adiante se sae algo interesante como plan de vida, que a nivel profesional encaixe, xa verei, pero de momento estou contento como estou e gozando do fútbol doutra maneira.

- O Pontevedra busca adestrador, pero igual cólleche un pouco fóra do rádar.

Bueno polo menos xa ves que vou ir que é o máis interesante para min. Poder estar aí, estar con xente como Pablo Vázquez, falar con Natalia, o Secre… Se teño a oportunidade de velos e saudalos xa é para min un motivo de alegría.