Esta foi a mellor tempada na carreira de Javi Gómez Noya. El mesmo o recoñece, aínda que bromea asegurando que "todos os anos digo o mesmo". Pero os resultados falan por si mesmos. Proclamouse por cuarta vez campión do mundo de tríatlon, un logro ao alcance de moi poucos. E a guinda foi o seu triunfo no Mundial de medio 'ironman', a disciplina de longa distancia cara á que quere encamiñar, no seu futuro, a súa carreira.
As súas sensacións durante a competición e as duras xornadas de adestramento tamén foron mellores que nunca, recoñece, algo que fai "máis bonito e levadeiro" todo o tempo que dedica á súa preparación. Unha preparación que, ao igual que nos últimos anos, ten a súa base en Pontevedra, unha cidade na que asegura ter encontrado o ambiente idóneo para adestrar, salvo en certas épocas do ano nas que necesita adaptarse a un clima diferente.
Dende Pontevedra preparará tamén a próxima tempada, un ano no que os grandes obxectivos de Gómez Noya serán o Europeo e o Mundial de tríatlon e lograr a clasificación para Río 2016. Subir ao máis alto do podio nos Xogos Olímpicos é, afirma, o seu grande obxectivo. E para iso contará coa axuda económica do Concello de Pontevedra, co que o triatleta asinou este martes un contrato de patrocinio.
O acordo abrangue os dous próximos anos. Javi Gómez Noya recibirá uns 24.000 euros anuais, que lle servirán para manter todo o staff técnico que o acompaña na súa preparación. Este patrocinio pode prorrogarse por un terceiro ano, unha posibilidade que xa confirmou un alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que foi máis alá. "Cando remate, falaremos de prorrogalo", avanzou, xa que entende que é un "luxo" contar con este deportista na cidade.
Fernández Lores destacou que Gómez Noya, con permiso doutros atletas como David Cal, "é un dos deportistas do Estado máis importantes de todos os tempos". Explicou que vive e se adestra na cidade e que o seu apoio á promoción da cidade é "indiscutible". Neste sentido, afirmou que "temos unha débeda con el", xa que a súa figura foi clave para que Pontevedra puidese celebrar tantos eventos internacionais deste deporte.
Esta circunstancia fixo, sinalou o triatleta ferrolano, que Pontevedra sexa un "referente mundial" no ámbito deste deporte. "Calquera triatleta sabe de Pontevedra", asegurou Javi Gómez Noya, que desvelou que numerosos compañeiros doutros países lle chaman para informarse sobre as condicións que ofrece para os seus adestramentos unha cidade como esta, "experta en organizar probas de alto nivel".