Javi Gómez Noya anuncia a súa retirada: "O meu corpo está a sufrir por asimilar a carga de adestramento"

Pontevedra
25 de setembro 2024

O mellor triatleta de todos os tempos confirmou que deixará de competir como profesional a final da presente tempada. Faino con nove títulos mundiais en diferentes distancias e unha medalla olímpica ás súas costas. "É momento de dar un paso atrás e tomarmo con máis calma", explicou a través das súas redes sociais

Javier Gómez Noya
Javier Gómez Noya

O mellor triatleta de todos os tempos, Javier Gómez Noya, déixao. El mesmo confirmouno nun post compartido nas súas redes sociais, no que anuncia que "me retiro como atleta profesional ao final desta tempada".

Faino tendo levado ao tríatlon galego, español e internacional a outro nivel, e colocando a Pontevedra como unha das referencias mundiais do seu deporte. No seu palmarés leva nin máis nin menos que unha medalla olímpica (prata en Londres 2012) e nove ouros mundiais, con cinco títulos na modalidade olímpica (o que máis), dous de Ironman 70.3, un Xterra e o inesquecible Mundial de Longa Distancia conquistado na súa cidade en 2019 con Pablo Dapena secundándoo no podio.

"Nunca é unha decisión fácil e aínda me encanta adestrar todos os días pero o meu corpo está a sufrir por asimilar a carga de adestramento que sei que necesito para competir ao máis alto nivel. Leveino ao límite durante moitos anos e tiven unha carreira que nin nos meus soños máis tolos podería imaxinar así que creo que é momento de seguir gozándoo pero cun pouco menos de intensidade e estrés", relata Gómez Noya.

Centrado desde os Xogos de Tokyo na longa distancia, esta tempada tentou participar no novo circuíto T100 da Organización de Triatletas Profesionais (PTO). "Asegúrovos que tentei con todas as miñas forzas estar preparado pero por un motivo ou outro non puido ser posible. Por enfermidade antes de Miami, a perda da miña nai cando me atopaba en Singapur, lesións que me privaron de estar en Londres ou render ben en San Francisco… Fixen todo o que puiden pero non funcionou así que é momento de dar un paso atrás e tomarmo con máis calma", relata Javi Gómez Noya.

Aínda así "é posible que faga algunha carreira máis este ano pero non de altísimo nivel", avanza antes de dar "moitísimas grazas a todos polo apoio durante todos estes anos, foi unha viaxe incrible!".