Javi Gómez Noya, a polo anhelado ouro olímpico en Tokyo 2020

Pontevedra
25 de xullo 2021

Chegou o día. Javi Gómez Noya buscará esta madrugada un ouro olímpico co que coroar a súa extraordinaria carreira deportiva. O tríatlon ábrese paso no programa deportivo de Tokyo 2020 e farao co deportista galego como un dos seus grandes favoritos

Javi Gómez Noya, Fernando Alarza e Mario Mola, en Tokyo
Javi Gómez Noya, Fernando Alarza e Mario Mola, en Tokyo / Federación Española de Triatlón

Chegou o día. Javi Gómez Noya buscará esta madrugada un ouro olímpico co que coroar a súa extraordinaria carreira deportiva. O tríatlon ábrese paso no programa deportivo de Tokyo 2020 e farao co deportista galego como un dos seus grandes favoritos.

Tras o seu cuarto posto en Pequín 2008, a súa prata en Londres 2012 e a súa ausencia por lesión en Río 2016, Gómez Noya tratará de alcanzar a ansiada medalla de ouro nuns xogos olímpicos.

Iso si, non o terá fácil. Xunto ao triatleta afincado en Pontevedra, España presenta unha selección de elite formada por Fernando Alarza e o tricampión mundial Mario Mola

Entre os principais rivais dos atletas españois estarán, entre outros, o francés Vincent Luís, o noruegués Kristian Blummenfelt ou os ingleses Alex Yee e Jonathan Brownlee. 

A carreira disputarase a partir das 23:30 horas e, segundo todos os expertos, a maior dificultade dos triatletas será enfrontarse a un circuíto moi técnico e ás esixentes condicións climáticas, especialmente polas altas temperaturas e a humidade.

Precisamente, para minimizar estes efectos, a proba arrincará tan cedo -as seis e media da mañá en Tokyo- para os deportistas.

Os participantes, ao ser distancia olímpica, completarán 1.500 metros a nado -onde a auga podería roldar os 30 graos-, 40 quilómetros sobre a bicicleta e 10 quilómetros a pé.