As últimas horas no mercado do Pontevedra Club de Fútbol están a lume vivo. Despois de confirmar a renovación de Mario Gómez, o conxunto granate anunciou movementos no lateral dereito coa saída de Ángel Bastos e a fichaxe de Javi Fontán.
Bastos chegou a Pontevedra na tempada 2022/2023 procedente do Raio Majadahonda, equipo co que disputou a fase de ascenso a Segunda División.
Co conxunto de Pasarón xogou o seu primeiro ano en Primeira RFEF, onde disputou un total de 31 partidos, marcou un gol e deu dúas asistencias. O equipo descendeu a Segunda RFEF e foi con Yago Iglesias con quen deixou o seu posto de lateral para xogar en posición máis ofensiva, anotando dous goles e dando cinco asistencias en 34 partidos.
No caso do que previsiblemente será o seu substituto, Javi Fontán, asinou co Pontevedra para a tempada 2024/2025 e chega procedente do CF Talavera de la Reina, co que disputou 32 encontros.
O lateral de 24 anos formouse nas categorías inferiores do RC Celta de Vigo e fichou polo Arosa. En Vilagarcía xogou 76 partidos e marcou 5 goles durante as tres tempadas que militou para despois irse ao Avilés, onde foi un indiscutible no once.