O prematuro final da tempada, que se deu por finalizada cando aínda quedaban 10 xornadas por disputarse como consecuencia da pandemia do coronavirus, obrigou aos clubs a anticipar a planificación da próxima tempada.
O primeiro movemento no plantel do Pontevedra non tardou en producirse. O central cedido polo Leganés, Jaouad Erraji, anunciou esta semana a través das redes sociais a súa marcha do equipo de Pasarón.
O defensor chegou nos últimos días do mercado de fichaxes de verán. Definido pola dirección deportiva como un xogador de gran proxección e polivalente que podía desenvolverse con solvencia en todas as posicións da defensa, mesmo na de pivote defensivo, o xoven xogador tardou en acoplarse ao equipo e non foi ata a chegada de Pouso, tras o cesamento de Luismi, cando se apropiou do posto de central esquerdo.
Gracias por todo !! @PontevedraCFSAD
— jaaguaar4 (@jaouaderraji) May 25, 2020
Gracias afición !!
pic.twitter.com/nq4BKoCvW5
En total, o central marroquí disputou 21 partidos coa elástica granate nos que conseguiu anotar un tanto.
Desde a directiva do club gardan absoluto silencio en todo o que rodea á actualidade do primeiro equipo. Aínda quePontevedraViva puido confirmar que a rolda de reunións para renovar os contratos do plantel xa comezou.
A maior parte dos compoñentes do primeiro equipo finalizaban a súa relación contractual co conxunto lerezano o 30 de xuño, aínda que o vínculo dalgúns é máis amplo porque asinaron un contrato de máis dunha tempada ou porque se cumpriron as cláusulas para amplialo.
Entre os xogadores que, salvo rescisión unilateral ou de mutuo acordo, que seguirán no club están Eneko Zabaleta, Adrián Cruz e Rufo, que asinaron por tempada e media salvo o ariete, que o fixo para tres cursos. Adighibe e Pol Bueso teñen tamén un ano máis de contrato, así como o capitán Edu Sousa e o central Víctor Vázquez que seguirán outro ano baixo a disciplina do Pontevedra.
Ademais, moitos outros xogadores xa mostraron a súa predisposición para seguir en Pasarón e pelexar a próxima tempada por clasificarse para o ascenso ou, polo menos, para a nova Segunda División B PRO, aínda que terán que para iso terán que chegar a un acordo.
Ademais da situación contractual do groso do plantel, o nome do adestrador que dirixirá ao primeiro equipo é outra incógnita. Desde o club aínda non confirmaron a continuidade de Jesús Ramos, que se fixo cargo do equipo de forma provisional ata o final da tempada.