Asinou polo Pontevedra un día antes do peche de mercado, pero a incorporación de Jaouad Erraji aos adestramentos co resto dos seus compañeiros non se produciu ata este xoves. Tras finalizar a súa concentración coa selección sub 23 de Marrocos, o defensor púxose ás ordes de Luismi e ao finalizar a sesión recoñeceu sentirse "con mucha ilusión, ganas de trabajar con los compañeros y de darlo todo".
As boas referencias que ten do Pontevedra foron clave para decidir alistarse nas filas granates, pero o que teminou por convencelo foi que "este año tenemos muy buen equipo y vamos a estar peleando arriba", confesou. Un deses confidentes foi Sana N' Diaye, co mediocentro senegalés coincidiu Erraji en Almería e desde entón manteñen unha estreita relación.
Sobre o seu posicionamento no campo, o marroquí recoñeceu que é capaz de mover o balón con calquera das súas dúas pernas e que tamén pode desempeñar a función de lateral, aínda que "juego más de central", remarca o defensor que acatará calquera decisión do adestrador. "Donde me ponga el míster tengo que cumplir y darlo todo por el equipo", promete.
Aínda que leva só unhas horas en Pontevedra, a nova fichaxe xa tivo tempo para coñecer aos seus novos compañeiros."La acogida fue muy buena, estoy muy contento", insiste, ao mesmo tempo que recoñece atoparse en bo estado físico aínda que "un poco cansado" pola viaxe desde Marrocos.