Jaime Agulló: "Varios países dixéronnos que nunca estiveran nun Mundial do nivel que tivo o de Pontevedra"

Pontevedra
04 de xuño 2014

O responsable do Instituto Municipal de Deportes de Pontevedra, Jaime Agulló, fai balance do recén finalizado Campionato do Mundo de Dúatlon ao tempo que prepara o próximo reto, o Nacional Infantil de baloncesto feminino

Jaime Agulló, director executivo do Instituto Municipal de Deportes (IMD)
Jaime Agulló, director executivo do Instituto Municipal de Deportes (IMD)

Aínda que rexeita calquera protagonismo, cedéndollelo a colaboradores, patrocinadores e compañeiros, é a cara visible do Instituto Municipal de Deportes de Pontevedra (IMD) e un dos máximos responsables da organización de eventos na cidade.

Falamos de Jaime Agulló, que recibiu a PontevedraViva despois da celebración do Campionato do Mundo de Dúatlon e inmerso xa no próximo reto, o Nacional Infantil de baloncesto feminino.

Que sensación vos deixa o Mundial? Satisfeito?

Ata o domingo ás 3:00 da madrugada eu era moi prudente pero agora a verdade é que estou eufórico, porque todo o que recibimos foi positivo, nalgúns casos eu creo que esaxerado. As federacións de varios países dixéronnos que nunca estiveran nun Mundial do nivel que tivo o de Pontevedra.

E os deportistas, que vos trasladaron?

Todos resaltan o circuíto, sobre todo o tramo urbano de carreira, que é precioso, e resaltan moito tamén a atención que tiveron en competición nos distintos aspectos deportivos e o acollemento da cidade. Quedaron sorprendidos por como lles trataba a cidade, sentíanse como nunha pequena vila olímpica.

Escoitando isto, pagou a pena o traballo de tantos meses?

Buf, si mereceu. Ás veces dicíaste, con este nivel de esixencia xa non podemos, pero claro cando a cousa sae así xa estás desexando mesmo que te chegue o seguinte, aínda que estás rebentado. Comentábao con David (Pérez Araújo, traballador do IMD), que se pegou un traballo descomunal, que todas as horas que lle quitamos de sono se compensan co que estamos a recibir. A mensaxe do gañador, o francés, que di que na vida correu nun ambiente como este, énchete de orgullo.

De todos os xeitos este resultado chega grazas a un traballo de moitos anos.

Si claro, en 2006 empezamos con este proxecto e é todo ese traballo o que nos fai que a carreira estea xa a un nivel que para nós é normal, e lle vemos un montón de fallos, pero que en realidade é moi alto, porque o fomos matizando. O que fixemos é emendar as cagadas, que foron moitas, de anos anteriores.

Ata as críticas polos cortes de tráfico non foron moi significativas, é a parte máis complicada?

A Federación non entendía por que non había lea na rúa, nos medios, porque sempre pasa en todas as cidades e aquí non. Explicámoslles todo o tema de comunicación, intentamos comunicar moito as alternativas de tráfico, os cortes para que a xente estea informada, e así despois se realmente alguén ten problemas o impacto é menor.

Tras estes anos, cres que Pontevedra se fixo un oco no triatlón mundial?

Sen dúbida, mostra diso son as constantes peticións de organización de eventos que temos. Ao alcalde chámano moitos presidentes de federacións nacionais ofrecéndolle campionatos, e a Federación Española de Triatlón e a Federación Internacional (ITU) non se querían ir de aquí sen pechar ningún acordo, pero iso non se pecha tan rápido.

Jaime Agulló: "As World Series? Ou es capaz de ter unhas World Series organizativas a nivel de Hamburgo e Londres ou tampouco interesa"

Pero, que reto ou evento queda por asumir? As Series Mundiais?

Quizais dende o punto de vista técnico o nivel ao que chegamos é o máis interesante, porque é o que reúne unha participación máis alta e cunha potencialidade de retorno á cidade espectacular. A min non me importaría quedar neste nivel. As World Series? Ou es capaz de ter unhas World Series organizativas a nivel de Hamburgo e Londres, onde hai 2.000 participantes en Grupos de Idade nunha e en Hamburgo 3.000 ou 3.500, ou tampouco che interesa. Internamente o ego persoal sería moi alto pero non compensaría, porque a repercusión mediática é practicamente ningunha.

Non cres que tería máis repercusión?

A ver, temos o campión do Mundo actual, non vou dicir veciño de Pontevedra senón Español, e actual líder das World Series, e que repercusión temos a nivel nacional? Ningunha. Javi (Gómez Noya) o ano pasado foi campión do Mundo de Triatlón e non tivo a portada do Marca, por exemplo.

Sentídesvos participes de que Pontevedra se situase como un destino de triatlón?

Eu creo que o xerme fundamental, a cabeza, é Javi Gómez Noya, pero o feito que dende 2008 nos situásemos no calendario internacional e no mapa da ITU púxonos como un referente do triatlón, como tamén ñe referente o CGTD..

Refírome máis a nivel popular e de base, porque xurdiron moitos equipos na zona, como o Moto Bike, Galaico, Monte Abaixo ou o Pinarium.

Iso sen dúbida foron as competicións que organizamos, que foron punto de arranque de moita xente. Ti es deportista, da modalidade que sexa, e estás apoiado nun valo vendo a eses anaco cracks correndo á velocidade que corren, ir en bicicleta ás velocidades que van e te dis, quero participar na seguinte. Pero é que ademais Pontevedra é unha cidade activa cen por cento, podes dicir que é unha cidade deportiva.

Jaime Agulló: "Traes un campionato de España e podes estar tranquilo porque vas ter un club que che vai dar respaldo"

A este respecto, ademais do triatlón, estes anos multiplicáronse os eventos, como o facedes?

Estamos totalmente desbordados, hai que recoñecelo, non somos capaces de atender coa calidade que cremos que teñen que ser atendidos todos os campionatos, dende un galego ata un internacional, porque temos o persoal que temos e os recursos que temos, a sorte é tecido asociativo que temos na cidade. Iso é básico, traes un campionato de España e podes estar tranquilo porque vas ter un club que che vai dar respaldo.

Isto reflexouse tamén nun incremento de fichas federativas en case todos os clubs, hai instalacións para tanto?

Hai anos que Pontevedra ten un pequeno déficit de instalacións, sobre todo no que son pavillóns e instalacións cubertas, e con este incremento pois moito máis, pero certo é tamén que se están a incrementar deportes como o running, ciclismo, triatlón, dúatlon, nos que as instalacións son ás veces a propia cidade e os propios parques. A Xunqueira de Alba e a Illa das Esculturas co paseo a Bora é dende o meu punto de vista a instalación deportiva máis grande que temos, e para min ten un valor deportivo espectacular, pero sen lugar a dúbidas os clubs agora mesmo fan auténticas marabillas para intentar encaixarse nos espazos que lles damos.

E con todo, hai corda para un tempo?

Home os anos nótanse moito, pero teño a sorte de que teño a David detrás, que para min é a man dereita e metade da esquerda, e despois é que o IMD é un equipo moi pequeno, somos uns 12-15 traballadores, pero un non é un operario dun campo de futbol, é o que sexa no campionato que sexa, e iso queiras que non é moi importante.