"É un día duro, témolo que aceptar aínda que custe". Estas foron algunhas das palabras que utilizou o adestrador do Mallorca, Jagoba Arrasate, despois da eliminación do seu equipo en Copa do Rei fronte ao Pontevedra.
Sen escusas e valorando "desde o futbolístico", o técnico recoñeceu que o Pontevedra "foi superior a nós. Estaba a ser un partido igualado, pero o 2-0 foi unha laxa".
Engadiu tamén que a preparación do partido "foi como os de liga, respectamos ao rival, pero eles atacaron mellor que nós, custounos moito roubar e estiveron mellor que nós. Viñamos avisados, por suposto, pero hoxe superáronnos", lamentou.
De feito é que Arrasate estaba alertado do que podía facer en Pasarón o Pontevedra, especialmente despois de eliminar a Vilarreal e Levante.
É por iso que a súa formulación era para gañar o partido, pero os granates non lle deixaron porque "foron mellores. Vin moito do Pontevedra, sei como é Yago e o valentes que ían ser. Eles tiveron máis balón, tocaron máis preto de portaría... Agora tócanos estar doídos, merecémonos esta dor e a partir de mañá pensaremos no partido do xoves", afirmou.
Neste sentido, o técnico bermellón dixo que "hai que aceptar a derrota. Non sei si é enfado ou é decepción, tiñamos moita ilusión posta na Copa, encántame esta competición, por iso amólanos e temos que xestionar este enfado".