A lesión de Churre sentou como un xerro de auga fría tanto dentro do Pontevedra Club de Fútbol como na afección granate.
O xogador, que caeu lesionado nos últimos minutos do encontro contra o Escobedo, sofre unha rotura do ligamento cruzado posterior do xeonllo e estará entre seis e oito meses afastado dos terreos de xogo.
"É unha noticia triste", recoñeceu Jacobo Maestre, coordinador da secretaría técnica do club. "Para nós é un xogador importante, demóstrao día a día nos adestramentos e no campo déixallo todo", valorou.
Aínda por riba, esta baixa castiga aínda máis a defensa do conxunto granate, que segue sen poder contar cos laterais Javi Fontán e Héctor Hernández.
Ante esta situación, desde a secretaría técnica do Pontevedra xa se puxeron ao choio en analizar o mercado para así atopar unha solución coa que suplir unha posición tan importante como a de Churre.
"O que hai no mercado estamos a analizalo con tranquilidade, hai que saber o que se asina", admitiu Maestre, quen insistiu en que desde o club están a estudar as opcións que hai dentro do plantel, as que hai no mercado actual ou se é mellor "esperar ao de inverno".