Non todo é Copa do Rei no Pontevedra Club de Fútbol, que traballa ademais cun ollo posto no regreso da competición ligueira na Segunda RFEF e con outro tamén no mercado invernal de fichaxes.
A lesión de gravidade de Jesús Cambil, unido ás fichas que están aínda libres no plantel, abre a posibilidade de acudir á ventá de inscrición de futbolistas do mes de xaneiro para reforzar ao equipo na parte decisiva da tempada.
"O mercado acaba a empezar fai unha semana practicamente e estamos a mirar cales son as opcións máis óptimas que nos poidan encaixar", explicou o coordinador da secretaría técnica do club granate, Jacobo Maestre, aproveitando a súa comparecencia pública tras o sorteo de Copa.
Maestre en todo caso asegurou que "non imos traer calquera xogador por traer".
De feito, defendeu, "si non fose polas lesións que tivemos, pois, se cadra, non nos plantexabamos ir ao mercado".
O representante da secretaría técnica do Pontevedra non quixo, iso si, meter présa ás operacións abertas, xa que "temos uns perfís vistos. Si cadran e hai acordo, pois perfecto, e senón pois seguiremos buscando".
LESIÓN DE CHIQUI
Jacobo Maestre referiuse ademais, a preguntas dos xornalistas, á lesión sufrida por Chiqui no duelo fronte ao Mallorca.
Avanzou que o martes foi sometido a unha resonancia magnética para coñecer o alcance exacto da súa doenza, pero "estamos a esperar a valoración", limitouse a comentar.