Iván García vence en Bulgaria o subcampión dos Xogos de Tokyo e sobe ao posto 16 do ranking olímpico

Marín
09 de marzo 2022

O deportista do Mat's de Marín colgouse a medalla de ouro no peso pesado do Open de Sofía e mantén a súa progresión co obxectivo de pelexar pola clasificación olímpica para París 2024

Iván García no Open de Sofía de Taekwondo
Iván García no Open de Sofía de Taekwondo / Federación Galega de Taekwondo

Paso adiante de Iván García no ambicioso obxectivo de pelexar pola clasificación para os Xogos Olímpicos de París 2024.

O deportista do Mat's de Marín colgou a medalla de ouro no Open de Sofía de Taekwondo (G2) celebrado estes días na capital búlgara sumando uns importantes puntos que lle fan ascender ao posto 16 do ranking olímpico no peso pesado.

Máis aló desta situación, que confirma a súa progresión, resulta un empurrón extra de moral o feito de superar na final de Sofía ao actual subcampión olímpico, o macedonio Deixan Georgieski, ao que superou por un tenteo de 12-7.

Este resultado reforza o traballo do taekwondista pontevedrés, que nos combates previos vencera nos cuartos de final o esloveno Partik Divokovic (18-7) e na semifinal o serbio Mitar Maklenovic (17-3), nunha cita marcada pola ausencia de competidores rusos como represalia á invasión militar de Ucraína.

En Bulgaria tamén competiu a súa compañeira de equipo Arlet Ortiz, no seu caso na categoría de -57 quilos. A marinense superou os seus dous primeiros combates fronte á norueguesa Amina Hammich e a serbia Nadja Tesic, pero cedeu nos catros de final ante a canadense Skylar Park, número 4 do ranking mundial.