Iván García, un marinense convencido de poder chegar aos Xogos: "Vai estar na miña man"

Marín
24 de xuño 2022

Aos seus case 25 anos Iván García, recente subcampión europeo absoluto de taekwondo, consolidouse entre os 10 mellores do ranking mundial no seu peso, unha situación que lle coloca nunha rampla de saída propicia para buscar a clasificación olímpica. O reto é especialmente complicado nun deporte como o seu, pero afróntao con moitas ganas e a ilusión de suceder a Okutu representando a Marín nuns Xogos: "Sería incrible", asegura

Iván García, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva
Iván García, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva / Mónica Patxot

Aos seus case 25 anos (cumpriraos no mes de agosto) Iván García, recente subcampión europeo absoluto de taekwondo, consolidouse entre os 10 mellores do ranking mundial no seu peso, unha situación que lle coloca nunha rampla de saída propicia para buscar a clasificación olímpica. O reto é especialmente complicado nun deporte como o seu, pero afróntao con moitas ganas e a ilusión de suceder a Okutu representando a Marín nuns Xogos: "Sería incrible", asegura

"A clasificación para a Olimpíada é bastante complexa. Entran 5 por vía ranking, se eu estou entre os 5 primeiros entro sen problema, que pasa, que se non entro dentro diso dependo das prazas que queden a España para un Preolímpico", explica o deportista do Mat's de Marín. Nese suposto se dous deportistas nacionais clasifican nos seus pesos non habería opción posible de repesca e "eu conto con que España meta dous nos 58 e 68 quilos, Adri Vicente e Javi Pérez. Entón a única vía alcanzable que me queda é o ranking", sostén.

De feito o seu nivel xa o pasado ano facía soñar na posibilidade de converterse en olímpico, cun bronce continental, pero "vimos que xa non podía entrar nos Xogos de Tokyo, porque había tres prazas cubertas en España e non podía ir ao Preolímpico".

Con todo Iván non se desanima, cun ano e medio por diante ata que se peche ese ranking clasificatorio. "Teño claro que vai estar na miña man, se sae ben pois perfecto, e senón que sexa culpa miña", defende convencido das súas posibilidades.

Para conseguiro será importante lograr boas actuacións nos eventos do Gran Prix, tamén no Campionato do Mundo que se celebrará en novembro en Guadalaxara, México, e sobre todo o terá lugar o mes de maio do próximo ano 2023. "Son moitos puntos en xogo. No Mundial con que te metas nuns cuartos ou nun bronce sobes moito para arriba no ranking", sinala. 

Iso si, mentres esas citas non chegan, o taekwondista do Mat's goza, e moito, do camiño. "Para min é máis importante o proceso de chegar a competir que a competición en si", defende desde o seu lugar habitual de traballo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, e é que "non é só o que adestras. Eu por exemplo teño que prepararme os rivais, estou en proceso dunha creación de base de datos que noutros deportes fano directamente pero aquí fágoo eu, analizar ao rival, ver por onde mete os puntos, cales son os seus puntos débiles, facer análises concretos... e logo está o traballo co pscólogo ou o fisio, é moito máis alá do adestro".

"Economicamente ata o de agora mínimo eu deixábame 5.000 ou 6.000 euros por tempada só en viaxes, logo ponlle gastos de fisio, de psicólogo..."

Claro que todo é un pouco máis sinxelo desde que asomou a cabeza na elite do seu deporte, porque "economicamente ata o de agora mínimo eu deixábame 5.000 ou 6.000 euros por tempada só en viaxes, logo ponlle gastos de fisio, de psicólogo...", relata sobre as dificultades que atopou, e iso que desde a Federación Galega, desde o seu club e mesmo desde o Concello de Marín axudáronlle a afrontalo, sobre todo porque "na miña casa só traballa a miña nai e ata hai pouco eu non pillaba bolsas decentes. E aínda así non é nada do outro mundo se te pos a comparar", explica. 

Aínda por riba non tivo fortuna en certos aspectos, xa que "este ano e o pasado estamos amolados porque 2021 ao ser olímpico non gañei nada polo bronce europeo, senón terñian sido uns 30.000 euros, e este ano coa prata como temos Mundial só puntúa o mundial, e estamos a cero realmente", relata.

"A miña idea é facer dous Xogos polo menos. É dicir, se non entro neste non me importa que sexa no seguinte"

Aínda así, non pensa en regresar a un Centro de Alto Rendemento (CAR) como no pasado. "Son unha persoa moi de casa, moi da miña familia, e teño un aire moi diferente ao traballar co meu adestrador. Máis cómodo si que me sinto. O CAR che absorve, ao final é un pouco unha burbulla e ás veces non te dás conta de todo o que hai fóra".

O esforzo en todo caso é innegociable, e con moito taekwondo aínda por ofrecer o actual subcampión continental recoñece que "a miña idea é facer dous Xogos polo menos. É dicir, se non entro neste non me importa que sexa no seguinte. Non teño présa por entrar xa para París, eu ata os 30 e pico se podo vivir disto, no sentido de estar cómodo, manterme sen ter unhas perdas enormes, se podo facelo tentareino". Queda pois Iván García para longo.