Iván García, ás portas de combater por medalla no Europeo de Pesos Olímpicos de Sarajevo

Marín
11 de decembro 2020

A tan só un paso de poder loitar polas medallas. Así quedou o pontevedrés Iván García na súa participación Europeo Sénior de Pesos Olímpicos que se está a disputar en Sarajevo. O deportista do Mat's de Marín competiu na categoría de +80 quilogramos. Caeu en cuartos de final contra outro español, Daniel Ros

Iván García, en Sarajevo
Iván García, en Sarajevo / Federación Galega de Taekwondo

A tan só un paso de poder loitar polas medallas. Así quedou o pontevedrés Iván García na súa participación Europeo Sénior de Pesos Olímpicos que se está a disputar en Sarajevo.

O deportista do Mat's de Marín competiu na categoría de +80 quilogramos. Caeu en cuartos de final contra outro español, Daniel Ros, o seu compañeiro de adestramentos no CAR.

Os combates entre ambos adoitan ser apertados, pero nesta ocasión xuntáronse os erros do galego cos acertos do seu rival e a vitoria foi moito máis sinxela do habitual para Ros (18-6).

Na primeira rolda, o taekwondista pontevedrés superou de forma clara ao serbio Milos Golubovic por 9-29, nun combate dominado totalmente por el.

Pese a non poder entrar na loita polas medallas, ao remate da competición Iván García amosábase feliz pola volta á competición e recuperar esas sensacións tantos meses despois.

"Paseino como un rapaz no tapiz. Eu o que quería era saír aquí e facer o que saíra, así que estou súper contento", explicou tras a súa eliminación.

Este venres será o momento para as tamén pontevedresas Sara Cortegoso (-49 quilogramos) e Arlet Ortiz (-57), que regresan á competición case dez meses despois.