Iván Carril volve a Pontevedra para recuperar os seus mancados tendóns

Pontevedra
22 de novembro 2012

O ex-xogador granate, que milita actualmente nas filas do SV Ried, da primeira división austríaca, comparte instalacións co Pontevedra mentres traballa co recuperador Félix Fernández

Os contados afeccionados que se achegaron a presenciar o adestramento que na tarde do mércores, día 22, realizou o Pontevedra en Pasarón encontráronse cunha sorpresa que posiblemente fixo suspirar a máis dun. Exercitándose pola banda encontrábase un xogador que non hai moito protagonizaba unha tempada que a punto estivo de situar o club granate na segunda división.

Tratábase de Iván Carril, pero a súa presenza non se debe a unha fichaxe de luxo para o conxunto granate, se non a unha visita para poñerse en mans dos recuperadores da súa confianza, especialmente de que fose recuperador do club, Félix Fernández Cao, para tratar os seus danados tendóns de aquiles, nos que o xogador padece unha lesión crónica.

O centrocampista nacido en Rebordados milita actualmente no equipo austríaco SV Ried, da primeira división, conxunto co que foi campión da copa de Austria, clasificándose para disputar a Europa League. Agora mesmo, despois de case dous meses entre algodóns por esas molestias crónicas, e con permiso do seu club, decidiu trasladarse a Pontevedra para poñerse a punto da man de Félix, compaxinando o seu traballo en Pasarón ou Príncipe Felipe durante a semana actual e a próxima, co traballo no centro de rehabilitación Miguel Domínguez.

Iván Carril indicou a PontevedraViva que se viñera polos grandes recordos que tiña da súa estanza aquí, e "aproveitando que agora en Austria, a mediados de decembro, se para a liga ata a metade de febreiro, polo que intento volver ben para empezar a pretempada a tope,". Tamén nos comentou os seus obxectivos deportivos para esta tempada: "Queremos asentarnos na zona media da táboa e a partir de aí intentar clasificarnos de novo para a Europa League".

Pero a súa estanza no país austríaco non o fai esquecer o seu pasado no Pontevedra: "Sígoo, aínda que menos do que me gustaría porque de terceira non nos chegan moitas noticias. Penso que este ano hai unha terceira preciosa, cuns seis equipos, máis as revelacións que sempre saen, como Somozas ou algún máis, que están chamados a meterse en play-off. Claro que todos non caben, pero eu confío en que un dos que o consigan sexa o Pontevedra, porque este club e este estadio non pode estar moito tempo en terceira. Dende logo, cos equipos que hai, asegúroche que eu se estivese por aquí iría a ver moitos partidos, porque o nivel é moi alto".

Adestramento do Pontevedra con Iago Paz e Caco como pivotes no centro do campo

E mentres Iván Carril facía os seus exercicios baixo a atenta mirada de Félix, o Pontevedra adestraba nunha sesión na que participaron todos os xogadores coa única excepción do xogador do filial, Cristóbal Domínguez, con problemas fisicos, que o fixo á parte. Unha sesión repartida entre exercicios con balón, por grupos, partidillo ao longo do campo, para finalizar con centros laterais rematados polos dianteiros e lanzamentos dende a frontal da área, buscando afinar a puntaría de cara ao marco.

A novidade máis significativa foi a posición na que Milo fixo actuar no partidillo aos dous pivotes na zona ancha, adiantando Iago Paz a unha zona máis próxima aos dianteiros, utilizando Caco como pivote defensivo e Fran Fandiño na banda dereita. Aínda que son probaturas de cara ao partido fronte ao Compostela, sorprendeu ver relegados o equipo suplente a Moisés Pereiro e Cristóbal Juncal toque de atención para obter deles maior rendemento?.

Ante o feito de que o campo de Príncipe Felipe non se encontra nas mellores condicións, os granates continuarán os ensaios en Pasarón, onde realizarán as dúas últimas sesións da semana, o venres, pola tarde, e o sábado, pola mañá.