O Poio Pescamar exporta talento unha vez máis ás categorías inferiores da Selección Española de Fútbol sala.
O conxunto conserveiro recibiu con ledicia a convocatoria de dúas das súas xogadoras para as xornadas de preparación que afrontarán en próximas datas os combinados nacionais Sub-19 e Sub-21.
Destaca a presenza por primeira vez da xove gardameta Iria Varela, como premio a unha tempada inesquecible para ela. Primeiro debutou con só 15 anos na máxima categoría polas ausencia das internacionais absolutas Silvia e Caridad, das que aprende cada día, e agora salta de golpe un par de banzos para acudir coa Selección Sub-19.
Iria xa acudira a unha concentración específica de porteiras, e agora afronta a súa primeira chamada para unha convocatoria con todas as da lei.
Xunto a ela estará a súa compañeira de equipo Irene García, aínda que no caso da peche valisoletana farao no combinado Sub-21. Ademais neste equipo foi convocada unha ex-canteirá do Poio Pescamar agora nas filas do Alcorcón, a tamén gardameta Patricia Arruti, campioa de España en categorías inferiores co equipo rojillo.
As dúas seleccións nacionais concentraranse o próximo 16 de maio e ata o xoves día 20 na localidade malagueña de Fuengirola, tendo previsto disputar dous encontros amigables entre ambos os dous equipos o martes 18 e o mércores 19 en Alhaurín de la Torre e Mijas.