Cuntis acolleu esta fin de semana o trail de 16 quilómetros, penúltima proba do 'DepoDesafío 2019' e precedente do tríatlon en distancia 'sprint' que se celebrará o domingo 13 de outubro na praia de Samil, última parada do circuíto da Deputación de Pontevedra.
O trazado de Cuntis situou a Iria Campos e a Ramón Troncoso no liderado da clasificación xeral do 'DepoDesafío 2019'.
Iria, segunda na proba da fin de semana, logrou ampliar a vantaxe sobre a súa perseguidora na xeral, Cristina García, logrando unha diferenza de 275 puntos a falta dunha soa carreira.
Pola súa banda, Ramón Troncoso asaltou o liderado grazas ao terceiro posto logrado en Cuntis, superando na xeral a Alexandre Paz por só 40 puntos.
No trail da fin de semana no que competiron máis de 200 persoas, a gañadora foi Sara Castillo, que cruzou a meta cunha diferenza de 8 minutos de vantaxe sobre Iria Campos. En categoría masculina, Víctor González impúxose sobre Óscar Piñeiro cunha renda dun minuto e medio.
Tal e como ocorreu na primeira edición da competición organizada pola Deputación, o gañador e a gañadora final da clasificación, recibirán como premio o dorsal para competir no Maratón de Berlín, con desprazamento e aloxamento incluídos.
As persoas que queiran participar na proba de tríatlon do 13 de outubro en Samil, poderán inscribirse a través da páxina web da institución provincial ata o 7 de outubro.