Irene Vilaboa continuará como adestradora do Teucro por cuarta tempada consecutiva

Pontevedra
16 de maio 2023

O club pontevedrés volve confiar na adestradora para o que será o seu segundo proxecto consecutivo en Primeira Nacional

Irene Vilaboa, no partido de Primeira Nacional entre Teucro e Luceros no Pavillón Municipal
Irene Vilaboa, no partido de Primeira Nacional entre Teucro e Luceros no Pavillón Municipal / Cristina Saiz

Continuidade no banco da Sociedad Deportiva Teucro.

Só unhas horas despois de pechar a tempada do seu primeiro equipo, o club pontevedrés anunciou a renovación de Irene Vilaboa como adestradora para a próxima campaña.

Será o cuarto curso consecutivo de Vilaboa como responsable do banco azul, o segundo que afrontará na Primeira Nacional.

Tras o descenso desde División de Honra Prata, o Teucro afrontou un ano complicado de reestruturación no que acabou pechando a liga sen complicacións pero lonxe dos postos de honra.

Agora, o vicedecano do balonmán nacional dá o primeiro paso para o seu novo proxecto e empeza polos cimentos, renovando á súa adestradora.

"Esta renovación é un paso importante na consolidación e estabilidade do noso club", asegura o Teucro agradecendo o "compromiso e dedicación" mostrada ata o de agora pola preparadora.