Irene Trabazo vístese de líder Sub-23 na Copa de España de Ciclocrós antes do seu desembarco en Pontevedra

Marín
20 de novembro 2019

A ciclista marinense conseguiu en Alcobendas, cuarta cita do circuíto nacional, conseguiu o seu primeiro podio absoluto na categoría feminina e colocouse líder sub-23, condición que defenderá o 1 de decembro no Gran Premio Cidade de Pontevedra

Irene Trabazo (segunda pola dereita) no podio da Copa de España de Ciclocrós en Alcobendas
Irene Trabazo (segunda pola dereita) no podio da Copa de España de Ciclocrós en Alcobendas / Real Federación Española de Ciclismo

A ciclista marinense Irene Trabazo chegará á Copa de España que se celebrará en Pontevedra o próximo 1 de decembro como líder do certame na categoría Sub-23.

A corredora do equipo XSM logrou poñerse de líder a fin de semana en Alcobendas, na cuarta cita da Copa, na que ademais asinou o seu primeiro podio na categoría absoluta.

Ante a ausencia dunha das principais favoritas ao triunfo, Lucía González, por atoparse competindo na Copa do Mundo, Aida Nuño tomou o mando desde o inicio da carreira. A sete veces campioa nacional abriu unha cómoda vantaxe ao comezo e despois controlou a situación con solvencia para levar o triunfo.

Por detrás, Trabazo e Paula Díaz demostraron ser as máis fortes tras Nuño, disputándose ata o final a segunda  psición, que finalmente caeu por 11 de segundos de diferenza en favor da asturiana e con Irene Trabazo pechando o podio en terceira posición.

Con este resultado, ademais de consolidarse na zona alta do ranking nacional da especialidade, a marinense asegúrase chegar de líder na categoría Sub-23 á penúltima cita do campionato, a que se disputará en casa co Gran Premio Cidade de Pontevedra que terá lugar o citado domingo 1 de decembro na Illa das Esculturas.