Irene García renova e convértese na sétima peza confirmada do Poio Pescamar

Poio
04 de xullo 2022

A futbolista valisoletana, segunda renovación no persoal conserveiro, afrontará desta forma a súa quinta campaña na Seca

Irene García, no partido entre Poio Pescamar e Penya Esplugues na Seca
Irene García, no partido entre Poio Pescamar e Penya Esplugues na Seca / Cristina Saiz

O Poio Pescamar mete a directa na planificación da próxima tempada, na que o seu plantel sufrirá unha importante remodelación.

O club conserveiro confirmou este luns a súa segunda renovación, a de Irene García.

A xogadora valisoletana, aos seus 22 anos, cumprirá desta forma a súa quinta campaña na Seca, tempo no que foi progresando e gañando peso no equipo.

De feito no curso recentemente finalizado alternou titularidade na posición de peche coa brasileira Jane achegando cinco goles en liga.

Irene súmase a Luci Gómez na lista de renovacións, sendo a sétima peza confirmada para o novo proxecto deportivo que dirixirá desde o banco Luís López-Tulla, xunto ás fichadas Rocío Gómez, Sandra Buzón, Elena Aragón, Laura Uña e Elena González.