A vitoria do pasado sábado fronte ao Alxeciras avivou a esperanza pola permanencia do Pontevedra en Primeira Federación e desde o club queren aproveitar unha nova onda de optimismo para seguir escalando postos na clasificación. Misión para a cal é fundamental o apoio do público.
Por iso, a directiva granate ha dado a coñecer este martes unha serie de promocións encamiñadas a que, o sábado ás 16 horas, Pasarón luza o aspecto das grandes citas.
Cada socio poderá retirar unha invitación gratuíta para a súa mesma bancada e, ademais, poderá retirar tamén unha entrada adicional a metade de prezo. Deste xeito, un abonado de Norte, Sur ou Preferencia poderá levar dous acompañantes adultos ao estadio polo prezo de 5 euros. En Tribuna, a contía ascende a 10 euros.
Ademais, os menores de 16 anos poderán acceder gratis á Bancada Granate de Preferencia, para a que poderán retirar o seu pase tanto nas oficinas de Pasarón en horario laboral, como a través da páxina web ou no despacho de billetes do estadio unha hora antes do inicio do partido.
En cambio, os socios adultos poden retirar a súa invitación na plataforma en liña, pero para retirar a entrada a metade de prezo deben acudir ás oficinas do club antes do venres ás 19 horas.
O prezo das entradas para o público xeral tamén se viu reducido. Cada adulto debe pagar 10 euros por un tocket para Norte, Sur ou Preferencia, mentres que para Tribuna valen 20 euros.
Os afeccionados con idades comprendidas entre os 7 e os 16 anos poderán entrar por 5 euros, salvo os que acudan á Bancada Granate, que poden facelo gratis. Tamén terán acceso libre os menores de 7 anos.