Pontevedra celebrará entre os días 2 e 7 de xullo a primeira edición da Copa 5x5 de balonmán na rúa, na que participarán equipos mixtos das categorías alevín (mozos e mozas nacidos nos anos 2012 e 2013) e benxamín (2014-2015).
Este evento deportivo foi presentado este mércores na Deputación de Pontevedra, administración organizadora desta Copa xunto á Federación Galega de Balonmán e o Concello de Pontevedra e coa colaboración da Sociedade Deportiva Teucro e do Club balonmán Cisne.
Os campos de xogo instalaranse na Praza de España da cidade do Lérez.
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asegurou que esta Copa 5x5 "será un auténtico espectáculo deportivo co que sacaremos o balonmán dos polideportivos para achegalo a todos os públicos, á rúa".
Ao longo dos cinco días que durará a Copa 5x5 Deputación de Pontevedra instalarase un "estadio móbil de mini balonmán", no que se celebrarán os partidos, polas tardes, e no que se desenvolverán diferentes actividades de promoción polas mañás. "Vai ser un espectáculo para todos", recalcou o vicepresidente provincial.
Rafa Domínguez destacou o compromiso da institución provincial co balonmán, lembrando a organización dos dous partidos oficiais das seleccións absolutas feminina e masculina no Porriño e Lalín, e animou a acudir a gozar desta Copa 5x5, unha actividade que combina "deporte, igualdade, nenos, inclusividad, rúa… polo que estamos a falar de algo que encaixa perfectamente co ADN desta Deputación e co que queremos que sexa a provincia", manifestou.