Inoportuno tropezo do Leis en Betanzos (5-5)

Pontevedra
24 de marzo 2014

Os pontevedreses desperdician a ocaión de destacarse na cabeza da clasificación, que agora presenta un triplo empate a tres xornadas para o final da competición

Partido entre Leis Pontevedra e Vilalba FS
Partido entre Leis Pontevedra e Vilalba FS / Diego Torrado

A falta de tres xornadas para a conclusión da liga na Terceira División de fútbol sala son seis equipos os que aspiran ao ascenso, cunha marxe de só dous puntos de distancia.

Entre eles está un Leis Pontevedra que comparte liderado con A Estrada e Burela B, despois de desaproveitar a ocasión de escaparse á fronte da clasificación.

O conxunto lerezano cedeu un empate en Betanzos (5-5) despois de ir gañando por dous goles de distancia a falta de tres minutos para a conclusión do partido.

Os de Manu Cossío gozaron de varias vantaxes, empezado polo 0-1 aos 9 minutos de xogo cun gol de Dani, renda que pouco despois ampliou Raúl Jijménez.

O Betanzos non se deixou ir e logrou dar a volta ao encontro (3-2), antes de que os pontevedreses volvesen dominar para lograr un 3-5 que parecía encarrilar o choque.

Nada máis lonxe da realidade, pois os locais recorreron ao porteiro-xogador para empatar, táctica que tamén empregou o Leis en busca da vistoria, pero o longueiro e un dobre penalti marrado evitaron que os lerezanos se levasen tres importantes puntos.

A próxima xornada, dentro de 15 días, o Leis visita outro dos aspirantes ao ascenso, o Coruxo.