O que ata hai pouco non era máis que un proxecto converteuse en realidade da man do Club Aromon Pontevedra. A escola de base coa que pretende fomentar a práctica desta modalidade deportiva comezou a dar os seus primeiros pasos.
Faio a partir de agora todos os martes, de 17:30 a 19:30 horas, no Multiusos da Xunqueira.
Nun inicio que cualificaron de "moi positivo", varios nenos e adolescentes participaron das actividades, ademais de adultos interesados en aprender e adestrar a orientación deportiva.
Durante as primeiras sesións da escola deportiva os asistentes aos adestramentos afrontaron unha parte de preparación teórica sobre a simboloxía e o mapa, outra parte de traballo baixo teito resolvendo diversos percorridos e orientando nun plano e unha terceira cun percorrido exterior pola Illa das Esculturas.
IV PONTEANDAR
O Club Aromon Montañeiros A Roelo anunciou por outra banda a celebración da cuarta edición de Ponteandar, andaina deportiva incluída dentro do calendaro da Copa Galega impulsada pola Federación Galega de Montaña.
O IV Ponteandar celebrarase o día 29 de abril cun percorrido de 50 quilómetros que haberá que completar nun tempo máximo de 12 horas. A organización tamén habilitará unha opción curta cunha ruta de 30 quilómetros, ambas as dúas con saída e chegada no pavillón Multiusos da Xunqueira.