A División de Honra Prata entra na súa fase decisiva esta fin de semana. Con só cinco xornadas pendentes, o Cisne ten o obxectivo de defender o primeiro debido a que lle dá o ascenso directo a liga Asobal. Pola súa banda, o Teucro, xa descendido, tratará de acabar a tempada da forma máis digna posible e seguir colocando os cimentos do equipo do próximo curso.
Ás 19.30 horas visitan os brancos a un equipo que os sorprendeu no primeiro partido desta segunda fase. "O Eivissa foi dos mellores equipos que pasaron polo Municipal, fixeron un partidazo e controlaron o partido", recoñeceu o segundo adestrador do Cisne, Quiños.
É por iso que no vestiario branco esixen máxima concentración para conseguir dous puntos que poderían resultar definitivos para o ascenso. Pero os locais non o poñerán fácil. "Non perden desde xaneiro e no seu campo só perderon dous partidos", advirte o técnico.
A súa principal virtude é o xogo defensivo e, en ataque, a conexión co pivote Daniel Bernárdez. "Teñen unha defensa moi ben organizada, pechada e que traballa moi ben as axudas", comenta Quiños, antes de engadir que "hai que frear o pase co pivote. Dani Bernárdez é dos máis decisivos da categoría".
Pola súa banda, o Teucro visita ao Alarcos de Ciudad Real ás 19 horas. Os de Irene Vilaboa consumaron de forma matemática o seu descenso a Primeira Nacional a pasada fin de semana ao rexistrar unha nova derrota diante do seu público. Sen nada en xogo, os azuis tratarán de maquillar a súa mala traxectoria nesta segunda volta, na que aínda non sumaron nin un só punto.