Renovación para os sistemas enerxéticos dos campos de fútbol municipais de Soutomaior.
O Concello iniciou no campo de fútbol de Salgueirón os traballos para instalar un novo sistema de aerotermia que substitúa á obsoleta caldeira de gasoil que permitía o uso de auga quente na instalación municipal.
Trátase dunha mellora de eficiencia que tamén se trasladará ao campo Graciano Padín e que permitirá un importante aforro a longo prazo para as arcas públicas municipais.
"Un dos nosos compromisos desde antes do comezo do mandato era traballar para reducir as emisións contaminantes e o dispendio de enerxía por parte do Concello. Máis dun ano despois, Soutomaior é un concello moito máis respectuoso co medio ambiente; realizamos importantes avances neste sentido coa actuación en instalacións como os campos de fútbol ou no Multiusos de Arcade, pero queda aínda moito camiño por andar", explicou o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo.
É posible acometer este investimento ao recibir unha subvención do Fondo de Cooperación local de algo máis de 55.000 euros.
No que respecta aos campos de fútbol, o alcalde avanzou tamén que as obras de mellora nos accesos ao Graciano Padín estarán concluídas nas próximas semanas.