Inhabilítano 6 meses por tentar agredir un árbitro de liga infantil, preséntase a xogar en veteranos e cáenlle dous anos

Arousa
11 de outubro 2024
Actualizado: 13:28

O Comité de Competición da Real Federación Galega de Fútbol suspendeu durante dous anos a licenza do delegado de categoría infantil do Vilagarcía SD, que en setembro foi sancionado polo intento de agresión a un árbitro menor de idade

Campo de fútbol de Ponte Sampaio (arquivo)
Campo de fútbol de Ponte Sampaio (arquivo) / Mónica Patxot

A Real Federación Galega de Fútbol, a través do seu Comité de Competición e Disciplina Deportiva, vén de suspender dous anos a licenza dun delegado de liga infantil e xogador de categoría de veteranos.

Así o estableceu na súa reunión desta semana, nun caso que se remonta a mediados do mes de setembro.

Foi entón cando, tras un partido de liga da 2ª Futgal Infantil entre Arcade e Vilagarcía SD, a persoa que exercía de delegado do segundo equipo foi inhabilitado durante 6 meses, ademais de ser sancionado cun encontro de suspensión, tras ser expulsado e reaccionar tentando agredir o colexiado, menor de idade. 

Xustificou entón o Comité que se lle impuña este duro castigo "por tentativa de agredir o árbitro principal, en acción susceptible de causar risco grave, tendo en conta a minoría de idade e a maioría de idade do agresor e a intención de golpear na cara co puño pechado que tería podido causar dano grave ao árbitro menor de non ser pola rápida intervención dos alí presentes".

Trátase xa de seu dun castigo duro, sancionado na orquilla máis alta que ofrece o regulamento "por ser o agredido menor de idade e polas consecuencias da acción que determinaron a suspensión definitiva do encontro", xustificou a resolución ditada o día 18 de setembro.

A cousa con todo non quedou aí, e é que o sancionado contaba tamén con licenza como xogador de veteranos e decidiu presentarse ao partido da primeira xornada da Terceira Galicia de Veteranos Grupo Pontevedra que enfrontou o Xocas SD e o Noalla V. Portaredonda. Xogou o choque sen ter en conta a súa recente inhabilitación, aspecto que segundo o comité federativo impedía "a participación para toda clase de actividades na organización deportiva do fútbol".

É por iso que, acreditada a súa presenza en devandito encontro, Competición fallou "a privación de licenza federativa por un período de 2 anos en aplicación do artigo 52 do Regulamento Disciplinario da RFGF".