Importantísima vitoria do Peixe ante o favorito ao ascenso, o HLA Alicante (56-64)

Marín
29 de marzo 2019

Co triunfo, os pontevedreses ascenden ata a sexta posición e comezan a prepararse para o choque do próxima fin de semana ante outro dos complicados, o Villarrobledo

Partido entre o Peixe Galego e o Azuqueca na Raña
Partido entre o Peixe Galego e o Azuqueca na Raña / Diego Torrado

Dura pero positiva xornada a do Peixe esta fin de semana. Os pontevedreses viaxaron á Comunidade Valenciana para enfrontarse ao HLA Alicante, líder, ata a data, da categoría e un dos equipos favoritos ao ascenso. Para a súa desgraza, os de Llorente chegaron á súa pista co claro obxectivo de sumar unha nova vitoria e canalizar esta segunda fase de liga. Tras o paso polo pavillón Pedro Fernández, ascenden ata a sexta posición, polo menos ata a finalización do resto de partidos, que se disputarán este sábado.

Comezou moi igualado o choque, tanto que non foi ata o 7’ do primeiro cuarto que os visitantes conseguiron romper o empate para gañar certa distancia no marcador. O seguintes dez minutos, que estes iniciaron cunha renda bastante folgada (9-16), foron bastante distintos, xa que a medida que se achegaba o descanso, tamén o facían os locais. A falta dun minuto para o termo da primeira metade, tan só un punto separábanos, polo que aínda había tempo para que estes últimos fósense ao vestiario cunha pequena vantaxe. Finalmente, un tiro libre de Larsson estableceu as táboas (30-30), deixando o partido totalmente aberto.

O principio do segundo período, moi similar ao final do anterior. Apoiados en Badmus, máximo anotador do Peixe e do partido (16 puntos), e Gregory (15), os galegos conseguiron non só manterse por diante senón aumentar, aos poucos, a súa renda. Un parcial de 14-22 permitíalles encarar os dez minutos definitivos algo máis tranquilos (44-54). Aproveitando algo máis de catro minutos nos que os anfitrións non acertaron para canastra, os de Javi Llorente terminaron de dominar o encontro e finalizar, así, cun positivo resultado de 56-64, que arrebata aos alacantinos a primeira posición da táboa.

Tras o importante triunfo, tócalles aos de Marín centrarse na preparación do choque da próxima semana en Albacete ante o CB Villarrobledo, outro do cadro máis complicados dos play- off.

Consulta as estatísticas do HLA Alicante-Peixe.