Sufrida pero vital vitoria para o Poio Pescamar a lograda este sábado ante o Móstoles. As vermellas venceron en Madrid cun gol de Ana Rivera na primeira metade que lle permite depender de si mesmas na última xornada ligueira para disputar o play-off polo título ligueiro, á que chegarán como terceiras da clasificación.
Tivo o Móstoles o primeiro achegamento do partido cun disparo de Celia que se foi desviado da portería defendida por Silvia, pero foi o Poio Pescamar o que gozou das mellores ocasións nas que obrigou a intervención de Miri. Nunha delas, cunha tripla parada aos disparos de Irene, Ana Rivera e Dani Sousa, que buscaron o primeiro tanto do enfrontamento.
Avisou en repetidas ocasións o conxunto conserveiro ata que, pasado o ecuador do primeiro acto, foi o equipo local o que conseguiu o dominio do esférico para xerar perigo na área de Silvia, que tivo que interpoñerse para evitar o gol tras unha xogada ensaiada do Móstoles na que primeiro golpeou Celia e despois Benete.
Tentárono Julia e Antía para o Poio cando quedaban pouco máis de dous minutos para alcanzar o descanso, mintas Benete e Inma buscaban o gol madrileño cunha xogada combinada.
Con todo, foron as visitantes as que viron primeiro o gol. Mirian realizou unha boa xogada con Dani Sousa, que deixou para Ana Rivera para que enviase o balón á rede e poñer o 0-1 co que se chegou ao intermedio.
A segunda metade foi outro cantar. O Móstoles saíu a por o empate desde o minuto uno, obrigando ao Poio Pescamar a facerse forte en defensa.
Silvia Aguete, convertida en muro baixo paus, evitaba as continuas chegadas mostoleñas, que tiñan en Benete e en Desi as mellores oportunidades.
Aínda que as as rojillas tamén foron quen de aumentar a súa vantaxe, Miri encargábase de impedilo para deixar o partido aberto ata o final.
A falta de catro minutos, o técnico local cambiou a xogo de cinco con Shiori como porteira xogadora creando perigo unha e outra vez e evitando que o Poio saíse do seu propio campo, pero que tivo o 0-2 nas botas de Silvia cando buscou o gol a porta baleira pero o balón foise rozando o poste.
Chegábase á recta final e chegou a mellor ocasión do partido para o Móstoles, pero Benete, en liña de gol, non foi capaz de empuxar o balón á rede. As pontevedresas respiraron aliviadas, non quedaba tempo para máis. Desta forma, selaron un triunfo vital pola mínima que lles permite soñar para entrar no play-off polo título ao depender de si mesmas a falta dunha xornada para a conclusión, na que se enfrentarán ao Alcorcón na Seca.