Queda moita liga por diante e probablemente falar de final pode parecer precipitado, pero o Pontevedra Club de Fútbol tómase como tal o duelo que lle enfrontará o próximo domingo (17:00 horas) ao Oviedo B no Estadio Municipal de Pasarón.
Resulta de vital importancia deixar atrás a mala serie de resultados (3 puntos de 21 posibles) e afastarse do descenso, e para iso toda axuda é pouca. Así o entendeu a directiva granate, que tras premiar aos abonados cunha invitación para acompañantes no anterior duelo na casa contra o Ibiza, aínda que con subida no prezo das entradas, agora si se decidiu a rebaixar drasticamente os prezos en busca de aumentar a asistencia de afeccionados.
Desta forma o público poderá presenciar o duelo ante o filial ovetense por 5 euros nas bancadas de Norte e Sur, 8 euros en Preferencia e 15 euros na de Tribuna (ante o Ibiza custaban 15, 20 e 25 euros), sendo de balde o acceso para os seguidores menores de 18 anos.
Ademais, os socios poderán retirar entradas para as súas amizades a un prezo aínda máis reducido (3, 5 e 12 euros respectivamente), aínda que estas só poderán adquirirse nas oficinas do club ata o venres e na tenda oficial o mesmo día do encontro, a partir das 15:30 horas.