Imanol García, quinta saída do Pontevedra rumbo á Primeira RFEF

Pontevedra
29 de xuño 2021

O centrocampista navarro fai as maletas tras unha tempada no Pontevedra e comprométese co CD Alcoyano. É o quinto xogador dos que terminaban contrato que atopa acomodo na terceira categoría do fútbol nacional

Imanol García, nun adestramento do Pontevedra CF en Pasarón
Imanol García, nun adestramento do Pontevedra CF en Pasarón / Mónica Patxot

Un a un os futbolistas que terminaban a súa vinculación no Pontevedra Club de Fútbol sen recibir oferta de renovación ou descartando a súa continuidade na casa granate van atopando novo acomodo.

O último ata a data foi Imanol García, tras confirmarse a última hora do luns a súa fichaxe polo Club Deportivo Alcoyano.

O centrocampista navarro é o quinto xogador que fai as maletas e abandona Pasarón por un equipo da Primeira RFEF, tras Eneko Zabaleta (CD Calahorra), Xisco Campos (Zamora), Jorge Fernández (Zamora) e Borja Martínez (CD Castellón).

Imanol aterrou hai un ano no Pontevedra converténdose nunha peza básica no equipo tanto para Jesús Ramos como para Luisito no centro do campo. 

Así o demostra que na súa etapa granate disputou 25 partidos, todos eles como titular. Ademais anotou dous goles, fronte ao Compostela a domicilio e ante o Coruxo en Pasarón.