Os traballos comezaron xa na Illa das Esculturas para prepararse para o próximo gran evento internacional que acollerá Pontevedra, o Campionato de Europa de Ciclocrós.
A competición terá lugar de 1 ao 3 de novembro, pero os labores previos para chegar con todo listo ao campionato requiren dun enorme esforzo organizativo, coa Federación Galega de Ciclismo á fronte.
Todo comezou co marcado do percorrido e a construción das primeiras estruturas.
Ademais o próximo luns 28 está prevista a descarga de até 15 camións cheos de area xunto á pasarela peonil que cruza o río Lérez.
Supoñen en total uns 150 metros cúbicos de area cos que se habilitará un dos principais obstáculos do circuíto de 3.350 metros de lonxitude deseñado nesta zona privilexiada da cidade. Un trazado que se espera sexa rápido pero con certas trampas que outorgarán un punto de espectacularidade.
De feito "o bancal de area xunto ao río Lérez que será unha das zonas máis espectaculares coa cidade de Pontevedra de fondo", recoñeceu recentemente na presentación do percorrido o responsable técnico do campionato, Alberto del Río.
Para estender todo ese material contouse coa colaboración de efectivos da Brilat.
Polo demais "vanse a construír tres pontes para pasos a diferente altura", explicou no seu momento Del Río. En concreto son dúas pontes con paso superior e inferior e un terceiro xunto ao río con escaleiras de máis de dez chanzos. Tamén se habilitará unha zona de taboleiros próxima aos boxes.
A todo iso únese o resto de infraestrutura planeada para que o Europeo de Pontevedra sexa un éxito en todos os sentidos, empezando polos servizos aos ciclistas na zona próxima a meta e seguindo co público, que terá á súa disposición pantallas para poder seguir a través do sinal televisivo todos os detalles da competición.