A falta dos últimos detalles, a Illa das Esculturas está xa preparada para acoller do 1 ao 3 de novembro o Campionato de Europa de Ciclocrós.
"Por primeira vez en España se fai este evento", destacou este martes o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Carlos Muñiz, xunto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Ambos os dous supervisaron as tarefas de montaxe do percorrido do Europeo. Todo nunha contorna "inmellorable" e que "é o mellor estadio do mundo para facer este tipo de eventos", afirmou o representante federativo e máximo responsable da organización do campionato.
"Estiven en Holanda, en Dinamarca... E isto non ten nada que envexar aos mellores estadios que ten o ciclocrós mundial", defendeu Muñiz.
Un Europeo tras o que "hai moitísimo esforzo e experiencia", destacou pola súa banda o rexedor da Boa Vila, convencido de "abrir camiños para probas no futuro de máis envergadura se cabe".
A competición continental, con sinala televisiva en directo a múltiples países, suporá un gran escaparate para Pontevedra. Ademais, destacaron ambos "por primeira vez se fai gratuíto", ao contrario que o sucedido en anteriores edicións noutros países.
É por iso que, vendo as previsións meteorolóxicas que garanten bo tempo, animaron os pontevedreses a vivir de primeira man "unha proba moi atractiva de ver".
Para preparar o circuíto de 3.350 metros de lonxitude deseñado na Illa das Esculturas foi necesario construír estruturas efémeras, con até tres pasos elevados, ademais de taboleiros ou unha zona de area na que se descargaron até 15 camións con 150 metros cúbicos de mineral.