Ígor de Souza de visita en Pontevedra recordando os seus tempos de granate

Pontevedra
08 de xuño 2013

Tras finalizar o seu contrato co Salamanca, o ex-xogador do Pontevedra pasa o fin de semana na cidade visitando uns amigos, mentres anima na distancia ao seu irmán Yuri e o seu primo Charles, que buscan o ascenso a Primeira na tarde do sábado con Ponferradina e Almería

Moitos afeccionados recordarán aínda os seus dous goles naquel memorable partido do Carlos Tartiere, fronte ao Oviedo, especialmente o segundo que daba a vitoria a un Pontevedra naquel momento con só 8 xogadores no campo. Ígor de Souza, o dianteiro brasileiro que formou unha das liñas ofensivas tan queridas e recordadas nos últimos tempos polos afeccionados granates, como temidas polos seus rivais, visitou a cidade para pasar o fin de semana cuns amigos e recordar os seus tempos de xogador granate, formando un trío temible co seu irmán Yuri e o seu primo Charles.

Tras finalizar a tempada e o contrato que lle ligaba á U.D. Salamanca, PontevedraViva encontrouse o maior dos De Souza nas rúas da zona vella pontevedresa. O dianteiro quixo mandar un saúdo a toda a afección granate, co desexo de que o Pontevedra consiga saír pronto do pozo en que caeu: "Ogallá o Pontevedra volva estar onde merece o equipo e a afección. Espero que cambien as cousas e que veña xente que saiba levar o club adiante. Teño moitos amigos e grandes recordos do meu paso polo Pontevedra e espero volver pronto co meu irmán e o meu primo, cando rematen a liga, a ver se celebramos o ascenso dos dous a Primeira División,".

Ígor estará moi pendente do que suceda na xornada do sábado. A Ponferradina de Yuri aspira a disputar a promoción, mentres a Almería de Charles busca o ascenso directo en Villarreal. Os dous menores da familia están a realizar unha gran tempada: "Están que se saen -dixo Ígor-, tremendos. Todos nos acordamos moito de Pontevedra. Aquí pasamos moi bos momentos, temos grandes amigos e é un pracer volver. Quero mandar un abrazo a toda a afección do Pontevedra e moito ánimo".