Iago Novo pide "poñer o mono de traballo" para "ir a un campo moi difícil como é As Eiroas"

Pontevedra
26 de marzo 2025

O centrocampista granate sinalou o próximo encontro contra o Bergantiños como a saída máis complicada das que quedan ao Pontevedra até o final de liga

Iago Novo, no partido entre Pontevedra CF e CD Numancia en Pasarón
Iago Novo, no partido entre Pontevedra CF e CD Numancia en Pasarón / Mónica Patxot

Seis xornadas réstanlle ao Pontevedra Club de Fútbol para o final da liga regular, e co ascenso máis preto que nunca os granates queren sentencialo canto antes.

Para elo deberán superar o vindeiro domingo 30 de marzo (17.00 horas) a un Bergantiños ao que Iago Novo cualifica como a saída máis complicada do que queda de tempada.

Por iso o centrocampista, protagonista este mércores na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón, asegura que "toca poñer o mono traballo" para "ir a un campo moi difícil como é As Eiroas".

"Veñen de seis vitorias seguidas, unha xeira moi boa, e son moi bo equipo. Persoalmente, gústame moito como xoga. Teñen ideas moi similares aos nosos comportamentos no xogo", analiza Novo.

O futbolista galego, preguntado sobre se o vestiario granate empeza xa a facer contas para conseguir o ascenso, asegurou que "de momento non", xa que o sentir xeral é que "aínda quedan seis xornadas, que son moitos puntos, e imos partido a partido".

O de Carballo será un duelo ademais na que se espera presenza importante de afeccionados do Pontevedra, unha Marea Granate que para Iago Novo "é un plus que nos axuda a seguir loitando por este obxectivo".

O 8 do Pontevedra respondeu ademais cun "oxalá" á pregunta de si se ve marcando o gol que dea ao seu equipo o ascenso, pero lembrou en ton de humor que "a última vez que metín gol perdemos, igual prefiro non meter eu, que o faga outro e que gañemos".

No partido de ida ante o Bergantiños, disputado no mes de novembro en Pasarón, os de Yago Iglesias impuxéronse por 1-0 cun solitario gol de Javi Fontán no minuto 79.