Aínda ten 14 anos e a súa progresión non deixa de asombrar cada día.
Hugo Casañas segue escalando cara ao ceo do atletismo nacional e internacional ao ritmo que o fan as súas marcas, a un nivel impropio da súa idade.
Así o volveu a demostrar o deportista pontevedrés do Atletismo Rías Baixas no Campionato Xunta de Galicia Sub-16 en Pista Cuberta celebrado a fin de semana en Ourense.
Alí Casañas, discípulo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva do seu pai o olímpico Frank Casañas, volveu bater o récord de España sub-16 de lanzamento de peso.
Esta mesma tempada conseguira a plusmarca nacional sub-16 desta discicplina nunha proba disputada en Portugal, pero en Ourense logrou ir aínda máis lonxe, tanto como 71 centrímetros máis para superar a barreira dos 21 metros (21,01 metros). Unha mellora que é toda unha barbaridade e que, faltaría máis, valeulle a medalla de ouro do campionato.
RÉCORD DE ESPAÑA SUB16 DE HUGO CASAÑAS!!!!! (pendente oficialidade)
— Atletismo Galego (@atletismogalego) February 10, 2024
21.01 m. no concurso de peso mellorando en 71 cm récord de España que batira recentemete e converténdose no primeiro Sub16 en sobrepasar a barreira dos 21 m!!!
FORMIDABLE!!!!!! pic.twitter.com/qUzwRzEKHW
Cabe lembrar que ademais do lanzamento de peso, Hugo Casañas é tamén recordman nacional de lanzamento de disco na mesma categoría sub-16. Un diamante en bruto que púe desde Pontevedra o Atletismo Rías Baixas.