Homenaxe da Deputación aos campións do Mundo de balonmán en categoría xuvenil

Pontevedra
30 de agosto 2023

A institución provincial ofreceu este mércores unha recepción oficial aos xogadores Carlos Ocaña e Alberto Delgado, ambos os dous do Cisne, así como ao seu adestrador Jabato e dous membros máis do corpo técnico da Selección

Homenaxe da Deputación aos xogadores e adestrador do Cisne campións do Mundo con España en categoría xuvenil
Homenaxe da Deputación aos xogadores e adestrador do Cisne campións do Mundo con España en categoría xuvenil / Deputación de Pontevedra

Os xogadores e adestrador do Cisne flamantes campións mundiais do balonmán recibiron este mércores un recoñecemento por parte da Deputación de Pontevedra.

Carlos Ocaña e Alberto Delgado, ambos os dous representantes do club pontevedrés, conseguiron con España un histórico ouro no Campionato do Mundo Xuvenil celebrado este verán en Croacia, todo baixo a dirección no banco do seu adestrador no Cisne, Javier Fernández 'Jabato, seleccionador nacional da categoría.

Xunto a eles a administración provincial recoñeceu no acto celebrado na súa sede viguesa o labor de dous integrantes máis do corpo técnico do equipo español, a delegada Carla Abad e o médico Ángel Quirós.

"Os vosos triunfos son tamén os triunfos de toda Pontevedra. E este ouro é unha proba máis da importancia de apostar pola base no deporte", defendeu a vicepresidenta provincial, Marta Fernández-Tapias, convencida de que "o balonmán é pedra angular do éxito do deporte na nosa provincia grazas ao traballo de todos os que estades implicados no seu desenvolvemento e promoción".