Os xardíns do castelo de Soutomaior foron o lugar escollido este xoves pola Deputación de Pontevedra para organizar a Gala do Deporte Provincial.
A xornada preparouse como unha homenaxe e recoñecemento a uns deportistas que "lle están dando os maiores éxitos deportivos a Galicia", sinalou a presidenta provincial, Carmela Silva.
O evento reuniu en Soutomaior a unha representación dos 181 deportistas bolseiros este ano coas bolsas DepoDan (Alto Nivel) e DepoPromesa, así como dos 24 deportistas da provincia que acudiron aos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Tokyo. Entre eles destacaban a piragüista Antia Jácome, a regatista Támara Echegoyen ou o tirador Juan Saavedra, medalla en Xapón.
"Apoiar o deporte é imprescindible para construír sociedades mellores e máis avanzadas", defendeu Carmela Silva na súa intervención referíndose a uns atletas que "son o reflexo do que queremos ser na provincia de Pontevedra".
A gala serviu ademais para render homenaxe ao recentemente falecido Fran Teixeira, adestrador de balonmán cunha ampla traxectoria ás súas costas e que ademais era traballador da institución provincial.