O vigués Mateo Rodríguez, deportista do Club Aromon Pontevedra, rozou a gloria do campionato do mundo junior de orientación a pé que se está a celebrar esta semana na República Checa.
Rematou na sétima posición da proba de modalidade sprint, a apenas 24 segundos do gañador, o suízo Matthieu Buehrer. A súa foi a terceira mellor praza histórica para España en categoría masculina.
Este estudante do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que se imparte no campus de Pontevedra, "fixo historia tanto para orientación galega como para a orientación nacional", segundo destacou a Federación Galega de Orientación.
Na súa carreira participaron un total de 73 atletas de ata 38 países.
Rodríguez acudía ao mundial coas expectativas postas principalmente nesta distancia sprint, na que rematara décimo no europeo de Hungría de 2022.
Tras este resultado, o deportista do club Aromon participará tamén nestes días nas competicións de longa e media distancia do mundial.
A súa é unha modalidade deportiva na que as e os participantes deben completar un percorrido cronometrado seguindo unha serie de puntos, chamados balizas ou controis, axudados por un mapa ou compás.