Parecía que estaba todo perdido cando Colombia anotou o 0-2 no minuto 52, pero o combinado nacional de fútbol feminino sobrepúxose cos goles de Jenni Hermoso e de Irene Paredes para gañar finalmente por 4-2 na quenda de penaltis. Unha da xogadoras clave do partido volveu ser a pontevedresa Tere Abelleira, que entrou no minuto 72 para dar un lavado de fronte ao xogo do equipo e obrar a remontada.
Salma Paralluelo protagonizou a primeira ocasión do partido cun disparo potente que Tapia despexou sen moverse. Colombia respondeu con Mayra quen avisou cun contragolpe que freou Aleixandri cun placaje. Pouco despois, a ex do Levante entenciou nunha xogada que arrincou cunha posible falta sobre Alexia na medular que o VAR revisou, e na que a ariete colombiana anticipouse a Paredes para bater por baixo a Cata.
España necesitaba reaccionar, pero non atopaba os medios para conseguilo. Pavi estrelou un disparo no pau e Tapia volveu evitar un gol ao atallar unha volea de Aitana tras un centro desde a esquerda de Mariona.
Co marcador a favor Colombia sementou o campo de minas e empezou a perder tempo finxindo lesións e saíndo á contra con Mayra.
Despois do paso polos vestiarios non cambiou o guión e España probou con dous disparos desde fóra da área de Aitana antes de que chegase o segundo tanto de Colombia. Contragolpe liderado por Caicedo, Cata rexeitou o disparo e Santos, anticipándose a Paredes no rexeite, mandou o balón á rede.
Montse Tomé cambiou o sistema de xogo e axitou o banco. Entraron Tere, Jenni e Albae pasou a xogar con defensa de tres, mentres o técnico de Colombia reforzaba o medio para conter o resultado. Mayra volveu asustar ao combinado nacional con outros dous contragolpes e Jenni, a dez minutos para o final, aproveitou un rexeite de Tapi tras centro de Eva Navarro para recortar diferenzas.
España veu arriba con boas combinacións lideradas por Tere Abelleira e o combinado cafeteiro seguiu perdendo. O conxunto arbitral descontou dez minutos no segundo acto e Irene Paredes, no 97, obrou o milagre rematando un centro de Salma.
O acoso español continuou durante a prórroga e as xogadoras volveron crer. Irene volveu tela nun cabezazo que se foi fóra por moi pouco, pero o marcador non se volveu a mover e o partido foise aos penaltis. A lotería da sorte (e tamén da fe) caeu ao lado das campioas do mundo e non fallaron ningún (4-2), logrando o billete para as semifinais dos Xogos Olímpicos de París 2024.