Heroico Arxil, a unha vitoria do ascenso (58-72)

Pontevedra
27 de abril 2024

Perdeu os dous primeiros partidos da fase, pero o Club Baloncesto Arxil logrou este sábado deixar atrás as penas e afastar as pantasmas para homenaxear a Maite Méndez da mellor forma: vitoria ante o Ausarta Barakaldo e billete para a final deste domingo na que xogará o ascenso a Liga Challenge fronte o Domusa Teknik ISB  

O Arxil celebra o seu pase ao partido decisivo polo ascenso / Club Baloncesto Arxil

Perdeu os dous primeiros partidos da fase, pero o Club Baloncesto Arxil logrou este sábado deixar atrás as penas e afastar as pantasmas para homenaxear a Maite Méndez da mellor forma: vitoria ante o Ausarta Barakaldo e billete para a final deste domingo na que xogará o ascenso a Liga Challenge fronte o Domusa Teknik ISB.

Non foi unha tarefa fácil en canto ao rival e polo estado anímico das xogadoras, que volveron a demostrar unha enorme coraxe e valentía para tentar lograr o premio polo que levaban pelexando toda a tempada. Ao Barakaldo lle valía a priori gañar ou perder de nove puntos ou menos, mentres que o Arxil necesitaba gañar de 13 puntos ou máis para acceder como segundo do seu grupo nun empate a tres.

E con esa intención saltaron as xogadoras pontevedresas á pista, pelexando cada balón e remontando un parcial de 5-0 co que o seu rival inauguraba o marcador. Volteó o resultado o Arxil, pero a igualdade mantívose durante o primeiros dez minutos de xogo.

No segundo cuarto todo cambiou e foron as verdes as que pasaron a dominar con Nerea Liste comandando a ofensiva e Forster os rebotes para facer o 29-37 ao descanso.

Tras o paso polos vestiarios o Barakaldo afinou a puntería e empatou na recta final do terceiro cuarto, pero un triplo de Fernández e outro de Bernardeco permitiu ao Arxil recuperar a vantaxe a falta de 10 minutos para a conclusión (51-55).

Todo podía pasar, e da mesma forma que ocorrera nos anteriores encontros, as xogadoras de Marita Janeiro viñeron arriba no último parcial e pasaron a dominar en todas as facetas. Con todo, non lles valía só con gañar, senón que tiñan que facelo de 13 puntos ou máis para volver xogar o domingo.

Meu dito meu feito. O marcador mostraba un 58-69 e Janeiro parou o cronómetro. Fernández botouse ao equipo ás costas e subiu o 58-71 a falta de 13 segundos para o final. O Barakaldo errou no seu ataque e a adestradora arxilista volveu pedir tempo. Martínez cometeu falta antideportiva cando quedaba un segundo de partido e Fernández dispúxose a tirar desde a liña de tiros libres. Fallou o primeiro e anotou o segundo, asinando desta forma o triunfo arxilista por 58-72 que lle dá o billete para disputar a final deste domingo contra o Domusa Teknik ISB ás 17:00 horas.

Consulta a acta nesta ligazón