"I'm back". Con esta mensaxe nas súas redes sociais Héctor Hernández celebrou o seu regreso, para todos os efectos, co grupo.
O lateral, lesionado na primeira xornada de liga, leva días encadeando adestramentos completos e está en disposición de volver competir, aínda que non teña recibido a alta médica de maneira oficial.
Así o explicou este xoves en rolda de prensa o adestrador do Pontevedra, Yago Iglesias, avanzando que "temos que falar cos servizos médicos se nos dan o O.K. para poder introducilo na convocatoria", xa esta mesma semana no desprazamento a Guijuelo.
"O que falamos con el é que ten boas sensacións", afirma o técnico.
O seu regreso, analizou o preparador granate, "ábrenos moitas posibilidades, dános máis variantes e opcións de rotación sobre todo na liña defensiva que nas últimas semanas iamos collidos con pinzas".
Un aspecto importante "sobre todo esta semana que é complicada con partido sábado, mércores Copa e domingo de novo liga co Avilés".
A situación da enfermaría, na que só se mantén Churre tras a súa grave lesión de xeonllo, centrou unha comparecencia na que valorou ademais o desprazamento deste sábado 26 de outubro (17.00 horas) ao campo do Guijuelo.
"A dificultade que ten o seu terreo de xogo, como compiten alí, o incómodos que fan sentir a todos os rivais que pasas por alí... Somos conscientes de onde imos, contra quen nos imos a enfrontar, o tipo de partido que nos imos a atopar e tamén creo que temos moi claro o partido que queremos facer", sinalou Yago Iglesias respecto diso.