Héctor Hernández, aínda sen diagnóstico e a falta de máis probas "para evitar un caso como o de Borja o ano pasado"

Pontevedra
06 de setembro 2024

O lateral do Pontevedra someteuse o pasado mércores a unha resonancia magnética tras caer lesionado na primeira xornada de liga, pero "os servizos médicos aínda non nos deron o informe real", recoñeceu Yago Iglesias, ao querer realizarlle máis probas que afinen o seu diagnóstico e os prazos de recuperación. A súa baixa é segura, iso si, para o encontro do próximo domingo en Santiago de Compostela

Héctor Hernández, no partido de liga entre Pontevedra e Valladolid Promesas en Pasarón
Héctor Hernández, no partido de liga entre Pontevedra e Valladolid Promesas en Pasarón / Cristina Saiz

O Pontevedra Club de Fútbol quere ser cauto coa lesión sufrida por Héctor Hernández na primeira xornada de liga.

O lateral granate foi sometido o mércores a unha resonancia magnética, pero a proba non despexou todas as dúbidas sobre a súa doenza e por iso "os servizos médicos non nos deron aínda o informe real", segundo recoñeceu este venres en rolda de prensa o adestrador do equipo, Yago Iglesias.

A intención é realizarlle máis probas que afinen o seu diagnóstico e os prazos de recuperación "sobre todo para evitar un caso como o de Borja o ano pasado", afirmou o técnico lembrando a lesión do centrocampista a pasada campaña no primeiro encontro da tempada e que lle mantivo fóra dos terreos de xogo varios meses.

O que é seguro é que Héctor será baixa segura esta próxima xornada, na visita do Pontevedra ao Compostela no Estadio Vero Boquete (domingo, 17.00 horas).

Yago revelou iso si que o defensor "esta semana xa notou melloría, que é bo".

Doutra banda o adestrador do equipo pontevedrés avanzou que Javi Fontán, aínda que con algunha molestia, recuperouse da lumbalxia que lle deixou fóra da convocatoria fronte ao Valladolid Promesas. "Esta semana contamos con el", afirmou Iglesias tras traballar o futbolista toda a semana ao mesmo ritmo que os seus compañeiros.