Haro Deportivo, un club centenario e humilde que gañou o dereito a soñar

Pontevedra
16 de xuño 2015

O rival do Pontevedra na final polo ascenso vive esta tempada o seu centenario. É o seu décimo play-off de ascenso consecutivo a Segunda B, categoría na que só xogou un ano. Cuarto clasificado do grupo rioxano, chega á última eliminatoria tras elminar por penaltis a un dos grandes favoritos, o Club Deportivo Castellón

Partido do Haro Deportivo no seu estadio
Partido do Haro Deportivo no seu estadio /

Só un paso separa de novo o Pontevedra da Segunda División B, unha eliminatoria que o enfrontará ao Club Haro Deportivo, cuarto clasificado do grupo rioxano.

Trátase dun rival humilde pero que se gañou o respecto dos seus rivais tras eliminar en primeira rolda ao Caudal de Mieres, por penaltis tras dous empates sen goles, e especialmente tras superar a un dos grandes favoritos ao ascenso, o Club Deportivo Castellón, ao que gañou na ida por 2-1 cedendo na volta polo mesmo resultado. A eliminatoria decidiuse tamén dende os once metros.

O Haro é un club centenario, efeméride que celebra precisamente esta tempada, e que é xa un clásico do play-off ao ser esta a súa décima fase de ascenso consecutiva a Segunda B, categoría na que só xogou un ano (2004/2005).

Club dunha localidade de cercade e 12.000 habitantes, xoga os seus partidos no Estadio Municipal El Mazo, unha instalación moderna, inaugurada en 2004 e capacidade para 4.300 espectadores nunha sóla bancada lateral.

O terreo de xogo, de considerables dimensións con 115x70 metros, está rodeado dunha pista de atletismo e é de céspede artificial, que substituíu o pasado verán o tapete natural co que foi estreado.

No deportivo destaca a solidez defensiva do equipo dende a chegada ao banco de David Ochoa, que recolleu a testemuña do cesado Iñaki Pacheco no mes de xaneiro. Dende ese momento o conxunto branquinegro só encaixou seis goles en liga, aos que hai que sumar os tres que lle marcou o Castellón no play-off.

A nivel atacante as cifras están moi repartidas entre varios futbolistas, destacando na faceta goleadora o dianteiro Txutxi con 16 dianas, a pesar de que non viu porta na segunda volta, e tamén o defensa Óscar Liébana, que marcou 13 goles.

En relación ás baixas, o cadro rioxano non poderá contar na ida por sanción con dous dos seus futbolistas, Antón e Arpón, o primeiro tras ser expulsado o pasado domingo e o segundo por acumulación de amoestacións.