Guillermo García queda a 11 segundos do podio no Campionato de España Contrarreloxo

Pontevedra
22 de xuño 2018

O ciclista pontevedrés do Froiz, no seu primeiro ano na categoría sub-23, realizou unha gran competición este venres en Castelló para finalizar quinto. O vencedor e gran dominador da carreira foi o galego Martín Bouzas

Guillermo García nunha competición contrarreloxo
Guillermo García nunha competición contrarreloxo

Chegaba á cita como un dos grandes favoritos a pesar de ser o seu primeiro ano na categoría, e aínda que quedou fóra do podio Guillermo García Janeiro non defraudou ás expectativas no Campionato de España Contrarreloxo Sub-23 celebrado este venres en Vall d'Alba, Castelló.

O ciclista pontevedrés do Froiz, campión nacional junior da especialidade en 2017, finalizou na quinta posición final na proba que abría o programa dos campionatos nacionais, a só 11 segundos dos postos de podio. Máis lonxe, a 35 segundos, quedou a medalla de ouro dun inaccesible Martín Bouzas. O tamén galego e ex-corredor do conxunto alimenticio, dominou a crono para facerse co seu segundo título grazas a un tempo de 25 minutos e 16 segundos.

Guillermo García marcou o segundo tempo provisional ao seu paso polo punto intermedio e tamén na liña de meta, onde só lle superaba Martí Márquez por 4 segundos, pero co paso dos últimos ciclistas acabou caendo ata o quinto lugar tras completar os 19,5 quilómetros de percorrido en 25 minutos e 51 segundos. A medalla de prata foi finalmente para o catalán Roger Adriá (25'38'') e a de bronce para o balear Joan Bennassar (25'40'').

O Froiz aínda contará con máis representación nos campionatos de España de ciclismo en ruta, nos que participarán durante a fin de semana Abel Franco, Diego González, Jesús Pociña, Aarón Mariño, Joan Ruiz e Ander del Castaño en categoría sub-23 e Iván Martínez, Miguel Gómez, Diego Noriega, Óscar Brea e Sergio Vega na categoría elite.